A segunda edición da Finde.U comezou en Porto con máis de 3000 oportunidades de emprego e prácticas

A Feira Internacional de Emprego Universitario chegará a Vigo os días 24 e 25 de outubro
Por o 18/10/2017 | Sección: Universidade de Vigo
A segunda edición da Finde.U comezou en Porto con máis de 3000 oportunidades de emprego e prácticas
Compartir en:

O centro de congresos de Exponor en Porto acolle ata hoxe a Feira Internacional de Emprego Universitario, Finde.U, que terá continuidade os vindeiros 24 e 25 de outubro no Ifevi de Vigo. A feira organizada polas universidades de Vigo, Porto e Tras-Os-Montes ten o obxectivo de achegar a oportunidade ao seu alumnado e egresadas e egresados de manter un contacto directo con empresas que demandan talento universitario. Ofertas de emprego, prácticas, bolsas ou traballos ocasionais; procesos de selección a medio e longo prazo; entrevistas ás e aos candidatos seleccionados e sesións informativas e obradoiros, conforma a proposta que a Finde.U ofrece ao alumnado universitario na súa segunda edición.

En Porto, preto de 150 empresas, asociacións e organismos públicos están estes días a ofertar máis de 3000 oportunidades de emprego e prácticas en ámbitos como as novas tecnoloxías, xestión, enxeñaría, industria, banca ou servizos. O reitor da Universidade de Porto, Sebastião Feyo de Azevedo, visitou este martes a feira, á que tamén asistiron a vicerreitora de Estudantes e o director da Área de Emprego da Universidade de Vigo, Dolores González e Alejandro Martínez, respectivamente.

Conta atrás para a Finde.U en Vigo

Baixo o lema Abre as portas ao teu futuro! e co apoio da Xunta de Galicia, a través de Eures Transfronteirizo, do Concello de Vigo, o Consorcio da Zona Franca de Vigo e o Consello Social e a Fundación Universidade de Vigo, a edición viguesa da Feira Internacional de Emprego Universitario conta co patrocinio das empresas Brogwarner, Continental e Efasec. Preto de 60 empresas de diferentes ámbitos achegarán, a partir do vindeiro martes, a súa oferta ata o Ifevi, onde, ademais de poder entregar os seus currrículos, as e os alumnos poderán tomar parte en actividades como o Talent At Work, que terá lugar o día 25 co obxectivo de mellorar as competencias e a empregabilidade das e dos universitarios. En Vigo tamén se desenvolerán sesións de empresa nas que as e os visitantes terán a oportunidade de asistir a presentacións corporativas de organizacións, nas que lles achegarán as claves dos perfís que demandan, así como detalles dos seus procesos de selección e programas de bolsas e prácticas.