A segunda fase da mellora integral de Luís Rocafort comezará o vindeiro luns

A obra reiníciase coa demolición das beirarrúas da marxe dereita, a escavación, e a colocación de novas tubaxes de auga, subministro eléctrico e telecomunicacións.
Publicado por o día 15/09/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia

A segunda fase da mellora integral de Luís Rocafort comezará o vindeiro luns

A segunda fase da mellora integral da avenida Luis Rocafort de Sanxenxo comezará o vindeiro luns día 18 de setembro. As obras reiniciaranse coa demolición das beirarrúas da marxe dereita, escavacións e a colocación de novas tubaxes de auga, subministro eléctrico e telecomunicacións. Segundo indicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a intención é que a obra estea rematada antes do Nadal, mais dependerá da climatoloxía, que marcará o ritmo dos traballos. O nacionalista insistiu en que o proxecto, que vai máis adiantado do previsto, executarase tal e como se acordou co anterior goberno municipal, “cunha grande calidade urbana”.

Tal e como estaba previsto, este luns realizarase o trámite administrativo para retomar os traballos: firmarase a acta do levantamento da suspensión das obras durante o verán. Unha vez resolto o trámite burocrático, cortarase un carril da rúa e instalarase a sinalización de obra para habilitar a zona de traballo. Os obreiros da UTE Nexia-Oresa comezarán despois coa maquinaria pesada e a demolición das beirarrúas da marxe dereita da avenida que aínda queda por renovar, dende a parte máis próxima á praia de Silgar ata a rotonda da estrada autonómica. Hai que lembrar que na primeira fase das obras, rematada en xuño, xa se deixou finalizada unha parte da beirarrúa da marxe dereita, así como o asfaltado e pintado da calzada correspondente.

Na mellora integral da rúa incluirase a renovación do saneamento e augas pluviais da rúa e tamén se soterrarán as canalizacións eléctricas e de telecomunicacións, polo que será preciso instalar novas tubaxes. A obra afectará a unha lonxitude de 570 metros (a totalidade da avenida) cunha superficie de actuación de 12.461 metros cadrados.

Haberá beirarrúas de seis metros por cada marxe –con estreitamentos puntuais-; dúas liñas de estacionamento (de 2,35 metros de largo) coas zonas específicas para persoas con mobilidade reducida, bicicletas e motos; e unha plataforma central con 3,20 metros por carril. En total instalaranse 64 luminarias de 7 metros de altura que terán un deseño propio para Sanxenxo.

Uxío Benítez lembrou que o proxecto da avenida de Luís Rocafort executarase tal e como se acordou co Concello de Sanxenxo no mes de febreiro, sendo ratificado o acordo no mes de abril coa sinatura do convenio entre o entón rexedor municipal e a presidenta da Deputación. “Esta obra é dunha grande calidade urbana e marcará un antes e un despois, como xa dixemos en moitas ocasións”, subliñou Benítez, que se mostrou satisfeito porque veciños e veciñas de Sanxenxo e turistas xa puideran gozar este verán dun treito do renovado espazo público e comprobar a calidade e seguridade dos itinerarios peonís.

En canto ao fin de obra, a intención é que esta remate cara a finais de ano, mais os prazos poderán ser modificados en función da climatoloxía, xa que a existencia de chuvia , de xeito previsible, obrigará a adiar algúns dos traballos.

O orzamento de licitación das obras da mellora integral da avenida de Luís Rocafort ascendeu a 1.650.759.28 euros.