Segundo o Concello de Vigo a veciña acollida co seu bebe para non ser agredida do seu agresor non contactou cos servizos municipais de atención á muller

Publicado por o día 20/04/2020 na sección de Eventos

Segundo o Concello de Vigo a veciña acollida co seu bebe para non ser agredida do seu agresor non contactou cos servizos municipais de atención á muller

Ao respecto da nova publicada onte en La Voz de Galicia titulada “Una vecina de Vigo acoge a una mujer con su bebé para liberarla de su agresor”, o goberno de Vigo manifesta e aclara nun comunicado que esta persoa non contactou cos servizos municipais de atención á muller nin hai constancia da chamada no 010 nin na concellería de Políticas de Benestar. Desde o Concello, a través do departamento de Igualdade, asesórase a todas as vítimas de violencia de xénero que contactan co Concello. É importante trasladar ás mulleres que os servizos de asesoramento e acollemento continúan á súa disposición, tamén no estado de alarma.

Desde o venres 13 de marzo púxose ao dispor das mulleres da cidade o teléfono do Centro Municipal de Información dos Dereitos da Muller (986 293 963), operativo as 24 horas, o que está en coñecemento dos servizos sociais do Concello, das forzas de seguridade municipais e do 010, ademais de difundirse na web municipal e nas redes sociais.

Desde este teléfono ofrécese asesoramento xurídico, apoio social (trámites sobre axudas económicas, servizo de canguros, etc.), atención psicolóxica e xestión dun aloxamento alternativo en caso de necesitalo. Ao efecto, o Concello reservou habitacións en hoteis da cidade e, desde o 13 de marzo, dimos acollida a catro mulleres.

Por outro lado, tamén continúa funcionando o Centro de Emerxencia para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero e puxemos en marcha unha campaña de publicidade para difundir entre as mulleres que non están soas, que o Concello mantén a atención telefónica ás vítimas as 24 horas e facendo un chamamento á cidadanía para alertar ás autoridades de coñecer algún caso de maltrato.

No caso desta muller, podemos confirmar que non consta chamada no servizo municipal de Igualdade, nin ao 010 nin aos servizos sociais deste Concello. Dáse o caso que tanto o departamento de Igualdade, o 010 e Políticas de Benestar teñen reforzados os seus servizos e, en ningún caso, “están desbordados”, tal e como asegura a presidenta da FAVEC na información publicada por La Voz de Galicia. “É desconcertante que a FAVEC teña coñecemento dun caso así e non contactara cos servizos municipais de atención á muller desde o principio ou incluso coa propia concelleira de Política Social, coa que ten comunicación directa” di o comunicado do Concello de Vigo.

!As administracións públicas estamos a facer numerosas campañas para trasladar que os servizos de información, asesoramento e acollemento continúan operativos tamén durante o estado de alarma, para o cal pedimos a colaboración de todos” finalizan no comunicado.

Comentar noticia

Your email address will not be published.