Seis empresas presentan as súas ofertas para a licitación da execución das obras de dotación de infraestruturas no polígono do Salnés

Publicado por o día 12/09/2018 na sección de Galicia,Ribadumia

Seis empresas presentan as súas ofertas para a licitación da execución das obras de dotación de infraestruturas no polígono do Salnés

O Concello de Ribadumia informa de que ven de realizarse o acto de apertura de sobres coas ofertas para a execución da obra que se levará a cabo no Polígono Industrial do Salnés xunto ao Concello de Cambados.

Co obxectivo de mellorar as infraestruturas e seguridade viaria do polígono industrial do Salnés, os concellos de Ribadumia e Cambados anunciaban fai un mes a execución dun plan conxunto que prevé a realización de traballos de pavimentación, instalación de nova sinalización e paneis informativos, e a mellora de cunetas e beirarrúas. Esta mesma semana, a Mesa de Contratación, con representación de ambos Concellos, procedía á apertura dos sobres que contiñan as ofertas das seis empresas que se presentaban ao concurso público.

O proxecto, que conta cunha subvención da Xunta que cubrirá o 95% do custo total, parte cun orzamento base de licitación de 93.483,55€, dos que Ribadumia aporta 54.199,28€. Así mesmo, establécese o prazo de execución das obras nun máximo de seis semanas, poñendo como data límite o 20 de outubro deste ano.

Nos vindeiros días, os informes técnicos serán presentados ás correspondentes Xuntas de Goberno, que decidirán a adxudicación da execución destes traballos.