Seiscentos corredores reciben a primavera na Holi Gaiás da Cidade da Cultura

Unha carreira lúdica, cunha explosión de po de cores, foi a actividade estrela de Cidade Verde, unha xornada para celebrar a natureza na Cidade da Cultura
Por o 27/03/2017 | Sección: Cultura,Galicia,Santiago
Seiscentos corredores reciben a primavera na Holi Gaiás da Cidade da Cultura
Compartir en:

Seiscentas persoas celebraron o sábado 25 de marzo a chegada da primavera na Cidade da Cultura de Galicia participando na Holi Gaiás, unha carreira lúdica, non competitiva, con música e unha explosión de po de cores para gozar dunha actividade festiva ao aire libre.

A carreira, cun itinerario de 5 quilómetros polos exteriores do Gaiás, foi o evento estrela de ‘Cidade Verde’, unha xornada de roteiros guiados e obradoiros dedicados a celebrar a natureza co que a Cidade da Cultura se sumou as conmemoracións dunha semana na que se celebrou o Día Internacional dos Bosques o Día Mundial da Auga.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, encargado de disparo de saída da Holi Gaiás, destacou as posibilidades para o ocio familiar dos espazos verdes da Cidade da Cultura: o Bosque de Galicia, o Parque do Lago, o Parque da Balea e o Xardín Literario; convidando a todos os galegos a achegarse a exploralos.

Este tipo de carreiras inspíranse no Festival Holi, unha celebración orixinaria da India, e popularizada posteriormente en Europa e América, na que os participantes se lanzan po de cores nunha manifestación colectiva de ledicia.

Organizada pola Cidade da Cultura, a primeira edición da Holi Gaiás contou co apoio da Federación Galega de Atletismo e da Fundación USC Deportiva, ademais de co patrocinio de Viaqua e a colaboración de Coca-cola.

Roteiros de Primavera

Ademais da Holi Gaiás, decenas de familias participaron nos Roteiros de Primavera, itinerarios comentados por guías da Cidade da Cultura para descubrir o Bosque de Galicia e o resto de espazos verdes do Gaiás.

Cidade Verde ofreceu obradoiros para que pais e nenos aprendesen xuntos técnicas de supervivencia, competisen nunha Busca do Tesouro por equipos, fabricasen instrumentos para facer música electrónica a partir de plantas ou se achegase da man de MeteoGalicia ao mundo da meteoroloxía.