Sen compostaxe non hai reciclaxe: O Concello de Santiago esquece a compostaxe nos orzamentos de 2020

Publicado por o día 02/03/2020 na sección de ADEGA,Galicia,Medio Ambiente,Santiago,Social

Sen compostaxe non hai reciclaxe: O Concello de Santiago esquece a compostaxe nos orzamentos de 2020

A compostaxe de residuos mediante composteiros individuais comezou en 2002 con 150 composteiros, 900 composteiros a día de hoxe. Dende aquela ate o 2020 todos os sucesivos gobernos municipais incrementaron a dotación de composteiros individuais e na última lexislatura incorporáronse 3 composteiros comunitarios e un programa de compostaxe escolar, con moi boa acollida, ademais dun estudo para implantar a compostaxe comunitaria a nivel de todo o municipio unha vez comprobado o bo funcionamento dos tres primeiros e a boa participación da veciñanza.

Moi ao contrario, os composteiros comunitarios instalados e os composteiros individuais hoxe en día estanse deixando esmorecer, presentando un estado de abandono da xestión e mantemento por parte do Concello de Santiago. Este curso 2019-2020 xa non se lle deu continuidade as actividades de redución de residuos e compostaxe nos centros escolares que se viñan facendo nos anos anteriores.

Porén, nos orzamentos municipais que previsiblemente serán aprobados este luns 2 de marzo, non existe ningunha partida orzamentaria destinada á manter á compostaxe no fogar nin comunitaria destinada a expandir este servizo.  Tampouco hai ningunha partida orzamentaria prevista nin sequera para o estudo preliminar dunha planta de compostaxe industrial (mecanizada) para a cidade, sendo esta a única opción para cumprir os obxectivos europeos de reciclaxe de residuos.

A cifra actual de reciclaxe no Concello de Compostela, adherido ao sistema SOGAMA, está situada no 17%, (Fonte: Datos proporcionados polo Concello de Santiago na súa páxina web para o ano 2018) o que dista moito do obxectivo da Unión Europea a cumprir no ano 2020 (50%). O seu incumprimento deste obxectivo pode conlevar sancións económicas, polo que son necesarios cambios urxentes na xestión dos residuos e de xeito particular na xestión dos biorresiduos (residuos susceptibles de ser compostados).

A compostaxe da parte orgánica do lixo urbano supón un 40-50% do peso total do que produce un fogar, e reducir esta cantidade supón importantes aforros  na factura a SOGAMA, cartos que repercutirían na criazón de postos de emprego local nas unidades de compostaxe comunitaria e na planta industrial. Contribuiría tamén a unha forte diminución da pegada ecolóxica e das emisións de CO2 en transporte de residuos, obténsode se paso un fertilizante de calidade para os espazos verdes da cidade, completando o ciclo. Deste xeito atenderiamos as medidas de proximidade na xestión de residuos e tamén cumpriríanse  os preceitos do plan de economía circular ademais de cumprir os obxectivos da axenda do Pacto dos Alcaldes polo Clima, ao que Compostela está subscrita.

Comentar noticia

Your email address will not be published.