Senra defende que se poña fin á cada vez máis evidente obsolescencia programada dos produtos fabricados

Tomou a palabra no pleno do Parlamento Europeo durante o debate sobre medidas para lograr unha vida máis longa para os produtos
Por o 04/07/2017 | Sección: AGE,Política
Senra defende que se poña fin á cada vez máis evidente obsolescencia programada dos produtos fabricados

Votou este martes pola mañá no pleno do Parlamento Europeo, en Estrasburgo, a favor do “Informe sobre unha vida útil máis longa para os produtos: vantaxes para os consumidores e as empresas”. A eurodeputada considera este documento un “importante punto de partida para iniciar un camiño que é imprescindíbel transitar: o camiño do decrecemento, porque o planeta ten límites”, defendeu.

Antes da votación, durante o debate que tivo lugar onte á noite no hemiciclo europeo, Senra tomou a palabra para denunciar que “é unha realidade que os produtos non están fabricados para durar e que a obsolescencia programada é cada vez máis evidente”. Así, reclamou que se activen os mecanismos necesarios para poñer fin á obsolescencia programada. “Esixir calidade e durabilidade dos produtos, e garantir e promover a reparación dos mesmos, parécenos fundamental para lograr unha vida máis longa para os produtos”, dixo.

A xuízo de Senra, isto tería importantes vantaxes para a sociedade e para o planeta, xa que “xeraría postos de traballo localizados na contorna do consumo” e tamén “aliviaría a presión sobre os recursos naturais que frecuentemente son espoliados nos países do Sul e son fontes de conflitos”. A eurodeputada explicou que rematar coa obsolescencia programada contribuiría a reducir o consumo de enerxía e sen dúbida constituirá un aporte importante na loita contra o cambio climático. “Pensamos que as Administracións públicas deberían dar exemplo e empezar a demandar a durabilidade dos produtos na compra pública e poñelo como condición nos produtos que subsidien”, reclamou.