Senra denuncia as consecuencias que lexislar “por e para as multinacionais” ten nas mulleres a nivel global

O PE aprobou hoxe un informe realizado polo GUE/NGL no que recoñece o sesgo de xénero implícito nos impactos da liberalización comercial
Por o 13/03/2018 | Sección: AGE,Política
Senra denuncia as consecuencias que lexislar “por e para as multinacionais” ten nas mulleres a nivel global

Reunido en sesión plenaria en Estrasburgo, o Parlamento Europeo aprobou hoxe un informe no que recoñece o impacto diferenciado que os acordos de liberalización comercial dos que fai parte a UE están a ter nas mulleres.

A eurodeputada galega Lídia Senraresponsable a nivel do Parlamento Europeo da transversalización da perspectiva de xénero na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural -da que é coordinadora para o Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)-, apoiou hoxe co seu voto este informe e tomou a palabra durante o debate do mesmo para enmarcar que os acordos comerciais polos que apostan as grandes potencias como a UE “son unha coartada para lexitimar a  imposición do modelo capitalista neoliberal, que ten graves consecuencias sociais, especialmente para as mulleres”.

Senra chamou a atención sobre cuestións concretas como as consecuencias directas da capitalización da Natureza que se atopa tras moitos destes acordos comerciais, a cal provoca “un significativo aumento da violencia nas zonas rurais, que se materializa en desaloxos forzosos, militarización, violencias sexuais…”.

 Ademais, subliñou, o dumping económico, social e ambiental” no que se sustentan estes acordos implican a posta en circulación nos mercados internacionais de produtos a prezos finais por embaixo dos propios custos de produción, así como a deslocalización mesma dos procesos produtivos en moitos dos casos, o que provoca a expulsión das mulleres de sectores como o téxtil ou o agroalimentario. “Levamos moitos anos alertando de que o comercio neoliberal destrúe os tecidos produtivos locais, o que por exemplo no ámbito labrego afecta máis directamente ás mulleres, xa que tanto no Norte como no Sur historicamente ocupamos maiormente os mercados de proximidade”.

A eurodeputada galega do GUE/NGL tamén foi crítica  ca interesada hipocrisía das grandes potencias, quenes non dubidan en botar man de cartos públicos para tentar disimular a gravidade das consecuencias destes acordos. “Logo as propias institucións que, como a UE, aproban acordos lesivos para a sociedade, tentan parchear con cartos o que destrúen con políticas, como vimos por exemplo fai apenas un par de semanas co caso das mulleres afectadas polo peche de varias empresas do téxtil na comarca de Ordes”, exemplificou.

Lídia Senra advertiu que, no caso de que a UE realmente teña vontade de minimizar os impactos de xénero intrínsecos ao capitalismo neoliberal, “ten que pór fin aos acordos comerciais feitos por e para as multinacionais e garantir a soberanía alimentaria e poñer fin ao dumping”. E, dirixíndose directamente á Comisaria de Emprego, Asuntos Sociais, Capacidade e Movilidade Laboral,   Marianne Thyssen, exhortou: “Sra. Comisaria, a folga feminista deste 8M pon en evidencia a urxencia de que as institucións públicas asuman as súas responsabilidades desenvolvendo medidas concretas. Asuman xa que o capitalismo neoliberal é parásito do traballo invisibilizado e precarizado da metade da poboación, é dicir, das mulleres”.

 

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.