Senra pide á CE investigar se a Lei de Depredación incumpre unha das principais directivas medioambientais da UE

Esta actuación enmárcase dentro da liña de traballo activada por Senra a nivel europeo para tentar frear a “legalización do espolio” da Galiza
Publicado por o día 22/10/2017 na sección de AGE,Política

Senra pide á CE investigar se a Lei de Depredación incumpre unha das principais directivas medioambientais da UE

Dentro das medidas que Lídia Senra vai desenvolver para elevar ás institucións comunitarias a denuncia das consecuencias que para Galiza, a nivel humano e ecolóxico, pode carrexar a Lei de Fomento da Implantación das Iniciativas Empresariais (“Lei de Depredación de Galiza”) aprobada pola Xunta de Galicia esta semana, a eurodeputada galega rexistrou onte unha primeira pregunta parlamentaria dirixida á Comisión Europea.

Senra fixo fincapé no feito de que, nunha primeira análise do texto aprobado, semella haber indicios abondo para inferir que non se adecúa ao estipulado na Directiva 2014/52/UE relativa á avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente; especialmente nos aspectos referidos á calidade das avaliacións de impacto ambiental, á obxetividade esixida ás autoridades competentes, aos procesos de consulta cidadá ou, de xeito moi chamativo, aos prazos de exposición pública, nalgúns casos reducidos na lei galega a 20 días en lugar de máis de 30 como esixe a devandita Directiva Europea.

A eurodeputada galega salientou a importancia de que a cidadanía tivera estado “alerta e organizada” para chamar a atención sobre a aprobación desta lei cos votos do PPdG, que responde unicamente  “a posibilitar que o capital poida facerse cos bens comúns a través dunha estratexia de legalización das súas prácticas abusivas”, analizou. “Mediante a aprobación de normas feitas á súa medida pretenden que o propio marco de convivencia social implique recoñecer ás grandes empresas e transnacionais como o suxeito con máis dereitos, moi por riba das propias persoas ou da Natureza”.

Esta estratexia, continuou debullando Senra, habitualmente procura enmascararse tras palabras a priori connotadas positivamente, tales como “simplificación”, “unificación”, “homologación” ou a xa ben coñecida “liberalización”, “que basicamente significa que as grandes fortunas son libres de facer o que lles pete a fin de ver incrementados os seus beneficios, a costa de que a cidadanía teña cada vez máis dificultades para facer respectar os seus dereitos”.

Se ben a Unión Europea non é unha excepción a esta tendencia de “legalización do espolio”, Lídia Senra propuxo á Comisión Europea que valore revisar se a Lei de Depredación entra en conflito ca correcta transposición dunha das principais normativas europeas en materia medioambiental -a citada Directiva 2014/52/UE- xa que, ademais dos aspectos salientados no texto da pregunta rexistrada, “desatende cuestións básicas que si afirma querer protexer a UE”. Nomeadamente a protección da biodiversidade, o uso sostíbel do solo, a preservación do patrimonio natural e cultural ou mesmo ter en conta os riscos que implican algúns proxectos no caso de ter lugar algún tipo de desastre natural. “No caso de  catástrofe, que tería pasado por exemplo cos milleiros de toneladas de cianuro e arxénico da mina de ouro que a transnacional canadense Edgewater quería explotar en Corcoesto?” , lanzou a eurodeputada.

Nos vindeiros días Lídia Senra establecerá novos contactos ca Comisión Europea a fin de solicitar reunións con distintas Direccións Xerais para directamente darlles a coñecer o preocupante escenario que debuxa a Lei de Depredación da Galiza.