Senra reclama á UE que medie para pór fin á discriminación á que a Axencia Tributaria somete a emigrantes retornados

A Coordenadora Nacional de Emigrantes Retornados de Galicia denuncia ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo que o Estado español os obriga a tributar cando no país de orixe da pensión están exentos
Publicado por o día 23/03/2017 na sección de AGE,Galicia,Política,Vigo

Senra reclama á UE que medie para pór fin á discriminación á que a Axencia Tributaria somete a emigrantes retornados

A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), reclamou este mércores que a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo manteña aberta e que se continúe a estudar a petición realizada pola Coordenadora Nacional de Emigrantes Retornados de Galicia, que pide mediación desde a UE para que se poña fin á “discriminación” á que se ven sometidos 300.000 galegas e galegos emigrantes retornados por parte da Axencia Tributaria Española, que se ven obrigados a ter que tributar no Estado español cando no país de orixe da pensión están exentos.

Paréceme lamentable que a Comisión Europea o único que lle diga ao colectivo de pensionistas é que teñen dereito a ir aos tribunais. Iso xa o sabían! Para escoitar que vaian aos tribunais non facía falta chegar até aquí, aquí viñan pedir xustiza”, recriminoulle Lídia Senra ao representante da Comisión Europea que defendeu a posición desta diante da Comisión de Peticións do Europarlamento.

A eurodeputada galega tamén asegurou que lle parece “lamentable” o “dobre discurso da Comisión”. “Onte –por este martes- estivemos falando con representantes da Comisión por outro tema relacionado con pensións de mariñeiros e marinheiras de Galiza que estiveron en Noruega. Dixéronnos que non podían facer nada porque Noruega non é un país da UE. Pero aquí hoxe estamos falando de países de orixe das pensións que si son da UE. Se hai vontade política, a Comisión pode facer máis, pode facer que esta situación de inxustiza e de discriminación que está cometendo o Estado español coas persoas pensionistas se resolva”, dixo. Así, Senra propúxolle á Comisión de Peticións “manter aberta esta petición, asumir as propostas que fan os peticionarios e seguir estudando o tema” e tamén que se enviara unha carta ao Consello.

A posición do Partido Popular, sen embargo, defendeu que se pechase a petición.

A intervención de Lídia Senra tivo lugar durante o debate na reunión da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, á que asistiu Alexandre Lago Portela, en nome da Coordenadora Nacional de Emigrantes Retornados de Galicia. Lago explicou que os membros da citada plataforma, que representa a máis de 300.000 emigrantes retornados galegos, en lugar de poder estar a disfrutar da súa xubilación, se están “vendo obrigados a saír á rúa por estar sendo perseguidos e acosados fiscalmente pola Axencia Tributaria Española”. O vigués dixo que se senten “discriminados polo Estado español por razón da orixe das pensións”. “Perseguen aos traballadores e traballadoras retornados por percibir pensións de orixe comunitaria, obrigándolles a tributar cando no país pagador están exentos”, denunciou.

Outro aspecto importante tamén abordado nesta petición é a discriminación das persoas que retornaron despois de terlle sido recoñecida a incapacidade laboral nos países onde emigraron, algo que o Goberno español non respecta.

Lago defendeu que “é un problema colectivo e que non se pode pretender que cada unha das persoas emigrantes retornadas acudan á vía xudicial cando hai moitas sentenzas que están condenando á Axencia Tributaria Española”. “Esta Comisión debería posicionarse a favor da nosa petición e non quedarse na mera suxerencia de que acudamos aos tribunais. Pedimos que siga aberta a nosa petición”, reclamou o peticionario galego.

Non obstante, Juan López Rodríguez, representante da Comisión Europea para avaliar este asunto, asegurou que “somos sensibles á situación destes emigrantes que se atopan con problemas para que se lles recoñezan os seus dereitos, pero os problemas téñense que resolver de acordo cos acordos que ten o Estado español cos outros Estados membros implicados e a UE non pode tomar cartas no asunto”, zanxou.

Finalmente a Comisión de Peticions  enviará senllas cartas  ao Goberno español, á TAXUD (Unidade de Impostos) da Comisión Europea, á Comisión de Economía do Parlamento e ao Consello Europeo dando conta desta situación. Agardamos que esta petición non se peche até que cheguen as respostas a estas cartas.