Senra valora positivamente o mantemento da prohibición da pesca eléctrica e esixe o fin inmediato das excepcións vixentes

O Parlamento vén de aprobar unha proposta de regulamento que recolle emendas que apostan pola prohibición da pesca eléctrica na UE
Publicado por o día 17/01/2018 na sección de AGE,Política

Senra valora positivamente o mantemento da prohibición da pesca eléctrica e esixe o fin inmediato das excepcións vixentes

O Parlamento Europeo aprobou hoxe onte proposta de Regulamento sobre a conservación de los recursos pesqueiros e a protección dos ecosistemas mariños con medidas técnicas que incorpora emendas relativas á prohibición total, sen excepcións, da pesca con impulsos eléctricos.  Lídia Senra, unha das responsábeis para o Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo (PE), amosou a súa satisfacción con respecto a este posicionamento por parte da Eurocámara, reiterando que “este tipo de pesca é un ataque á pesca artesanal, costeira e de baixo impacto, unha práctica totalmente incompatíbel coa sustentabilidade pola que debe avogar a Política Pesqueira Común (PPC)”.

Non obstante, a eurodeputada galega chamou a atención sobre o feito de que “inda que conseguimos que saíran aprobadas as emendas para manter a prohibición, non podemos dar por finalizada esta loita; nestes momentos a flota holandesa segue facendo uso das excepcións que lle permiten empregar descargas eléctricas para capturar o peixe”.

Porén, Lídia Senra abstívose na votación final deste informe, ao considerar que “non protexe suficientemente as pesca artesanal de países como Galiza”. Concretamente, lamentou que non se aprobara a emenda Nº 357, presentada pola propia Senra a través da Comisión de Pesca, na que se realizaba unha mención específica ao xeito,  recollendo que no caso das redes desta categoría a malla empregada debería ser de entre 23 e 40mm.

Consultado directamente pola eurodeputada galega no mes de novembro a través dunha carta, o Comisario de Pesca Karmenu Vella respostou que dado que está permitido pescar sardiña con redes de deriva, e que  as do xeito teñen unha dimensión inferior a 2.5kms, esta arte de pesca “non estaría dentro do alcance das prohibicións contidas no regulamento proposto”.

Habida conta de que hoxe o informe aprobado non incorporou a emenda referente ao tamaño de malla do xeito presentada por Senra, esta amosou a súa preocupación, esixindo un compromiso máis explícito por parte da Comisión Europea: “Agardo que a Comisión Europea manteña con respecto ao xeito a mesma posición que me transmitiu directamente o Comisario Vella na súa carta. Agardamos que nas negociacións tripartitas o propio Vella e o Consello deixen clara definitivamente a postura da UE sobre a protección  desta arte de pesca artesanal fundamental para nós”.