Serafín Otero non voltara concorrer como candidato á alcaldía de Vigo

Publicado por o día 06/09/2018 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

Serafín Otero non voltara concorrer como candidato á alcaldía de Vigo

En resposta a preguntas dos medios de comunicación presentes na rolda de prensa a respeito de quen encabezará a candidatura do BNG de Vigo para as eleccións municipais do próximo ano, Serafín Otero explicou que a organización local está desenvolver o proceso de configuración de candidaturas con “absoluta normalidade, nun excelente clima interno e atendendo os procedementos e prazos definidos a nivel nacional”

“Toda a organización local está implicada en articular unha candidatura solvente, capaz, con enerxía e iniciativa para liderar un proxecto de mudanza en favor de Vigo. No BNG contamos, afortunadamente, con moitas persoas capaces de asumir este repto, e estou seguro de que coma sempre acertaremos colectivamente”, asegurou confirmando que nos próximos días a militancia do BNG de Vigo elixirá “de maneira absolutamente democrática” a persoa que encabezará a candidatura”.

Otero fixo pública tamén a súa decisión de non volver concorrer como candidato á alcaldía, circunstancia que comunicou “hai bastante tempo” á organización. “Creo que é o momento de reforzar o BNG cun novo impulso, para que o BNG lle dea un novo impulso á cidade, como sempre fixo. Este proceso suporá tamén unha aposta na renovación, en incorporar novos perfiles, novas ideas, novas equipas e novas persoas ao proxecto de cidade do BNG para Vigo”, declarou.

No entanto, o actual responsábel local do BNG na cidade olívica confirmou que continuará a traballar no seo da organización e amosouse tranquilo sobre o seu relevo desde “a absoluta certeza de ter na organización a mulleres e homes perfectamente cualificados e cualificadas para liderar este proxecto”. “Podemos afirmar con total seguridade é que o BNG vai ter unha candidatura potente, que vai lograr que volvamos ser unha forza determinante no pleno” remachou.