– Resposta ás necesidades sociais, desenvolvemento dunha cidade para vivir e para traballar, democracia participativa e cidade sostible e en rede son os eixos que destacou o candidato nacionalista.
O candidato do BNG – Asembleas Abertas á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, destacou as 55 iniciativas prioritarias do programa co que o Bloque se presenta as eleccións do 24 de maio, que desenvolven os eixos principais do documento: a resposta ás necesidades sociais e o combate do desemprego; a remunicipalización dos servizos públicos; o aumento dos servizos sociais; a recuperación da democracia participativa; a potenciación de Vigo como cidade sostible, e a aposta pola lingua, a cultura e o deporte.
Neste sentido, Serafín Otero subliñou en concreto a execución dun plan de choque contra o desemprego xuvenil e feminino; o incremento das axudas de emerxencia social até cubrir o 100% da demanda; a creación dun parque público de vivenda de aluguer; a implantación da fiscalidade progresiva; a remunicipalización progresiva dos servizos; a elaboración dun novo plan de liña de transporte colectivo; a apertura de 800 prazas nas escolas infantís; así como o fomento da participación cidadá e a transparencia, a defensa da lingua e a recuperación do litoral.
Na presentación destas propostas, o cabeza de lista estivo acompañado por parte do equipo redactor, entre outras persoas a deputada no Congreso, Olaia Fernández; a deputada no Parlamento galego, Carme Adán; e os candidatos en Vigo, Manuel Caride e Diego Santorio; e a candidata Maribel Tato. “Faltan outros compañeiros e compañeiras que hoxe non poden estar aquí por motivos laborais”, apuntou.
PROGRAMA ABERTO
O candidato do Bloque definiu o documento co que se presenta ás vindeiras eleccións como “programa aberto”, posto que “vén de achegas das distintas asembleas abertas que fixo o BNG e porque na súa elaboración participaron decenas de persoas, a partir dos máis de 30 colectivos co que nos xuntamos durante os últimos catro meses”.
Sera Otero destacou asemade que é un documento aberto porque se trata dun documento base “ao que se lle poderá adicionar novas propostas e ideas”. Neste sentido apuntou que esta fin de semana publicarase no sitio web www.bng.gal/vigo o documento íntegro, pero “estará a disposición para que calquera colectivo ou calquera persoa que queira facer propostas nolas faga chegar para poder recollelas, debatelas e se é preciso incluílas”, comentou.
“Quixemos elaborar o programa do mesmo xeito que defendemos que se debe facer co goberno desta cidade, escoitando e dialogando de maneira permanente”, subliñou o candidato do Bloque, quen destacou asemade que os retos e as necesidades “que enfrontamos esixen de respostas dinámicas, lonxe das rixideces do autoritarismo”.
Serafín Otero manifestou que o programa aberto do BNG quere ser “a expresión da nosa proposta política de cambio de rumbo para a cidade, ao servizo do pobo”. Neste sentido defendeu que o Bloque ten as “propostas concretas para resolver todos e cada un dos principais problemas que enfronta a cidade”, especialmente as principais necesidades sociais, demostrando que outra forma de gobernar non só é necesaria senón que é posíbel. “Temos as ideas, as propostas e a equipa para facelo”, asegurou.
PRENSA BNG VIGO
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.