O Sergas abre o prazo de inscrición para as listas de selección temporal da categoría de enfermeiro especialista en enfermaría familiar e comunitaria

Esta é a primeira vez que se crean listas de selección temporal para esta categoría
Publicado por o día 04/07/2017 na sección de Sanidad

O Sergas abre o prazo de inscrición para as listas de selección temporal da categoría de enfermeiro especialista en enfermaría familiar e comunitaria

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, o anuncio polo que se dá publicidade ao proceso de inscrición en listas de selección temporal do Servizo Galego de Saúde na categoría de enfermeiro/a especialista en enfermaría familiar e comunitaria. A selección dos aspirantes vaise efectuar de acordo ao disposto na Resolución do 13 de xuño de 2016 pola que se aproba o Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal (DOG nº 123, do 30 de xuño).

Esta é a primeira vez que desde o Sergas se crean listas de selección temporal para esta categoría. A inscrición e baremación vanse levar a cabo mediante o Expediente electrónico persoal (Fides/Expedient-e) para garantir a transparencia do proceso. Cada unha das persoas interesadas en participar deberá proceder a rexistrar os seus datos persoais, requisitos e méritos no seu Expediente Electrónico Persoal, ao que pode acceder a través da páxina web da Consellería de Sanidade (www.sergas.es).

Logo de confirmar o formulario de inscrición de xeito electrónico, deberá imprimirse e asinarse para a súa presentación en formato papel no preceptivo rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os requisitos de participación deberán reunirse dentro do prazo de presentación de solicitudes e manterse durante o período de permanencia na lista ata a formalización do oportuno nomeamento.

Para esta primeira inscrición teranse en conta as solicitudes presentadas desde o día 5 de xullo de 2017 ata o 31 de agosto de 2017, ambos incluídos. Os méritos computables serán os causados ata o 31 de xullo de 2017 e que consten acreditados na data límite de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Unha vez xeradas as primeiras listas, a inscrición será aberta e permanente.