O Sergas asume os gastos de mantemento dos centros de saúde de Boiro, Brión, Silleda e Touro

Segundo os acordos, os concellos comprométense a realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios para a cesión patrimonial, libre de cargas e gravames, das instalacións
Publicado por o día 15/03/2017 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo,Xunta de Galicia

O Sergas asume os gastos de mantemento dos centros de saúde de Boiro, Brión, Silleda e Touro

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asinou onte os convenios para a asunción dos custos de mantemento dos centros de saúde de Boiro, Brión, Silleda e Touro. Así quedou ratificado no documento que tamén asinaron os alcaldes dos respectivos concellos.

Segundo os acordos, os concellos comprométense a realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios para a cesión patrimonial, libre de cargas e gravames, das instalacións.

A documentación que os concellos deberán remitir ao Sergas inclúe a certificación do acordo do Pleno da corporación municipal cedendo á Administración sanitaria o centro; a certificación de titularidade do Rexistro da Propiedade, así como a situación de cargas e gravames; a referencia catastral; e a certificación de cumprimento do establecido nos artigos 109 e 110 do regulamento de bens das entidades locais (referidos á súa cesión).

Posteriormente, e unha vez autorizada polo Consello da Xunta de Galicia, a cesión será elevada a escritura pública e inscrita no Rexistro da Propiedade.

Pola súa banda, o Sergas comprométese a asumir os gastos de mantemento dos centros de saúde a partir do momento en que se formalice a cesión patrimonial. Neste sentido, os concellos facilitaranlle os datos precisos para o cambio de titularidade dos contratos de subministracións vixentes e dos servizos prestados no edificio. As obrigas económicas pendentes, anteriores á data na que o Servizo Galego de Saúde se faga cargo dos gastos de mantemento, corresponderán aos concellos.

Estes convenios enmárcanse no desenvolvemento do Pacto Local, que recolle unha serie de actuacións entre as que se inclúe a asunción dos custos de mantemento de centros de saúde actualmente a cargo dos concellos.