Sergas e Povisa chegan a un acordo adicional con varias medidas para facer máis eficiente a execución do concerto

O Sergas asumirá directamente o subministro a Povisa da medicación hospitalaria de dispensación ambulatoria a pacientes externos
Publicado por o día 19/12/2018 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

Sergas e Povisa chegan a un acordo adicional con varias medidas para facer máis eficiente a execución do concerto

O Servizo Galego asumirá a medicación ambulatoria para pacientes externos de Povisa. Este é un dos puntos relativos ao acordo acadado entre representantes do Servizo Galego de Saúde e de Povisa na reunión mantida hoxe. O acordo, concretado en varias medidas permitirá continuar traballando en facer máis eficiente a execución do concerto e manter as condicións de seguridade e calidade da asistencia sanitaria.

A medicación de dispensación ambulatoria para pacientes externos será subministrada polo Sergas, pola súa banda, Povisa manterá as labores propias do servizo de farmacia hospitalaria no control destes medicamentos. Para tramitar es prescrición farmacoloxica, Povisa deberá implantar o sistema SILICON, que é o empregado pola EOXI de Vigo, deberá axustarse á guía farmacoterapéutica e protocolos destes produtos á aprobada pola EOXI e cumprir, na prescrición de medicamentos, os mesmos check-list que se empregan na EOXI de Vigo.


Outra das medidas acordadas será deixar de facturar a medicación considerada de alto impacto destes pacientes externos, que se entregará directamente polo Sergas. Ao respecto da medicación deste tipo administrada antes do acordo, acordouse o abono polo Sergas da parte da que existe conformidade e someter ao criterio do Consello consultivo de Galicia as alegacións feitas por parte de Povisa como solución para a parte pendente de tramitación.

Actividade adicional e outras medidas

Ademais do programa de redución de lista de espera (PERLE) para pacientes asignados a Povisa xa realizado neste ano, o acordo especifica tamén a realización de actividade adicional como a atención a pacientes en lista de espera da EOXI de Vigo, e a realización e seguimento de probas complementarias a pacientes que proveñan do programa de cribado de cancro de colon.

Así mesmo, poderá realizarse facturación de procesos fóra do concerto, como acordar prezos específicos para os servizos que non estean recollidos do Decreto de Tarifas ou aqueles para os que se considere necesario polas súas condicións específicas ou o seu volume. Tamén quedarán fixados importes máximos para a facturación da asistencia prestada á poboación de referencia de Povisa nos centros dependentes da EOXI de Vigo e da emitida por parte de Povisa pola asistencia prestada á pacientes non pertencentes a súa poboación asignada e para as súas unidades de referencia do área (como son queimados, cirurxía da man e maxilofacial).

Financiamento do concerto e regularización dos pagos

O financiamento do concerto entre Sergas e Povisa establece un sistema capitativo, a través da asignación dunha cápita por cada usuario dos que opten por recibir esta asistencia hospitalaria a través do sistema de libre elección que se convoca cunha periodicidade anual.

Tamén se recolle unha modificación no pago dos servizos. Cada mes aboarase o 100% da doceava parte do concerto, unha vez deducido o importe asignado aos obxectivos de calidade (ata o de agora era do 90%). Isto é posible xa que actualmente os sistema informáticos permiten coñecer os datos reais de adscrición dos beneficiarios, calculado sobre o número real de cidadáns asignados. Ademais, continúase coas regularizacións cuatrimestrais do 10% dacordo co número de Tarxetas Sanitarias dos meses dese período.

Con respecto da docencia e formación sanitaria especializada, o Sergas asumirá os custos dos médicos residentes que se incorporen a Povisa nas prazas e especializades acreditadas neste centro para devandita formación e que se atopen realizando os tres primeiros períodos da súa rotación (R1, R2 e R3). Pola súa banda, corresponderá a Povisa financiar os custes dos que se atopen nos dous últimos períodos (R4 e R5) e cubrir as necesidades de docencia previstas na normativa de aplicación e nos plans formativos das especialidades correspondentes, e dos dispositivos hospitalarios da Unidade Docente Multiprofesional de Atención Familiar e Comunitaria de Vigo.

Acordouse tamén traballar en establecer mecanismos de colaboración para facilitar a posibilidade de Povisa de beneficiarse das condicións económicas que na adquisición de produtos poida obter o Sergas a través de procedementos de compra centralizada ou similares.

Cómpre sinalar tamén, que o acordo recolle o interese do Sergas e Povisa en atopar as solucións que poidan permitir manter o nivel de emprego de Povisa existente en todas as especialidades e servizos, apostando por un emprego estable e de calidade. Interese que xa ven sendo público e manifesto dende o ano 2006 no que se formalizou un documento denominado Acordo Básico pola Saúde na Área sanitaria de Vigo entre a Consellería de Sanidade e a dirección de Povisa e no que tamén participaron representantes das Organización sindicais mais representativas, da confederación de Empresarios de Galicia e da Universidade de Vigo, e no que se recollía a necesidade de manter con Povisa un concerto na súa configuración como hospital xeral con atención integral.

Comentar noticia

Your email address will not be published.