O Sergas licita a redacción do proxecto para executar obras de incremento da eficiencia enerxética no Hospital da Costa

Invístense 49.000 euros e definirá os traballos para a mellora da envolvente térmica do edificio, eliminación das pontes térmicas e substitución de carpintarías exteriores e vidros
Por o 02/03/2018 | Sección: Sanidad
O Sergas licita a redacción do proxecto para executar obras de incremento da eficiencia enerxética no Hospital da Costa

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) licitou a contratación do servizo de redacción do proxecto básico e de execución para desenvolver medidas de mellora da eficiencia enerxética no Hospital da Costa.

En concreto, o proxecto definirá reformas relativas á envolvente térmica do edificio e eliminación das pontes térmicas así como á substitución de carpintarías exteriores e vidros.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que se destinan 48.960 euros a este contrato, “nunha proba máis da aposta da Xunta por este centro sanitario”. Balseiro afirmou que “o Goberno galego está a investir máis de 12 millóns de euros na ampliación do hospital e ao mesmo tempo está poñendo en marcha iniciativas para reformar os edificios actuais, nunha evidente demostración de que o Hospital non só non corre perigo, senón que vai incrementar a calidade dos servizos que presta”.

A licitación do proxecto para a mellora da eficiencia enerxética vén acompañada dunha serie de estudos previos que, entre outros datos, cuantifican o investimento necesario para a execución destas obras en preto de 700.000 euros.

Igualmente, nos informes elaborados estímase que as actuacións conseguirán un aforro enerxético de 443.057 kwh ao ano, o que supón un aforro de máis de 22.000 euros anuais. Ademais, redundará na mellora da confortabilidade e comodidade das instalacións para traballadores e usuarios.

Revestirase a fachada cun sistema de illamento térmico e tamén se instalará material illante nas cubertas; previamente a estes traballos comprobarase o estado da cuberta para detectar e reparar, se fora o caso, posibles deterioros na impermeabilización.

Os estudos popoñen a substitución das carpinterías exteriores máis antigas por outras en aluminio anodizado con rotura de ponte térmica e dobre acristalamento. As carpinterías orientadas ao sur disporán adicionalmente de protección fronte á radiación solar.

As diferentes ampliacións que foi experimentando o hospital tradúcese en diferentes tipoloxías tanto nas carpinterías como nos paramentos exteriores e mesmo nas cubertas, que deberán terse en conta á hora de deseñar as solucións a aplicar no proxecto que está en licitación.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.