O Sergas pon a disposición da cidadanía unha enquisa para mellorar a funcionalidade e o deseño do proxecto do Gran Montecelo

O Servizo Galego de Saúde vén de poñer a disposición da cidadanía unha enquisa para mellorar a funcionalidade e o deseño do proxecto do Gran Montecelo en termos de necesidade de espazos dentro do hospital, o seu confort ou a humanización dos mesmos, entre outros
Publicado por o día 14/03/2017 na sección de Galicia,Redondela,Sanidad,Vigo,Xunta de Galicia

O Sergas pon a disposición da cidadanía unha enquisa para mellorar a funcionalidade e o deseño do proxecto do Gran Montecelo

O Servizo Galego de Saúde vén de poñer a disposición da cidadanía unha enquisa para mellorar a funcionalidade e o deseño do proxecto do Gran Montecelo en termos de necesidade de espazos dentro do hospital, o seu confort ou a humanización dos mesmos, entre outros.

Esta é a primeira vez que o Sergas potencia a participación cidadá para o desenvolvemento dun plan funcional destas características co obxectivo de que tanto os pacientes como os usuarios do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra dean a coñecer, mediante a súa achega voluntaria, a súas impresións de cara a construción do Gran Montecelo.

Os interesados poderán atopar a enquisa nos puntos de información designados nos hospitais Montecelo e Provincial, ademais de no centro de especialidades de Mollabao. Neste senso, as salas de espera das consultas externas, as áreas de hospitalización e de hospital de día, así como as zonas comúns dos centros hospitalarios (puntos de información, extraccións, cafeterías, entradas principais, etc) serán os principais puntos de referencia para recoller e entregar o documento cuberto.

A partir de mañá, mércores 15 de marzo, pacientes e usuarios terán acceso ás ditas enquisas que, unha vez cubertas, deberán ser depositadas nas urnas habilitadas nos mesmos puntos de información nas que serán recollidas. A data límite para realizar a dita entrega será o 17 de abril.

Cómpre destacar que os cidadáns tamén son quen de realizar as súas achegas a través da páxina web www.granmontecelo.com , na que teñen a opción de cubrir de maneira virtual e con maior celeridade a mesma enquisa dispoñible en papel nos centros do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

Así mesmo, para calquera dúbida que puidera xurdir ou para calquera tipo de suxestión referida a este proxecto relacionado coa mellora do servizo sanitario público na área de Pontevedra, tanto pacientes como usuarios contarán coa posibilidade de remitilas dirixíndose á Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés.