O Sergas pon a disposición de profesionais e asociacións de saúde mental o programa interactivo E-Motional Training

Publicado por o día 07/06/2017 na sección de Sanidad,Vigo,Xunta de Galicia

O Sergas pon a disposición de profesionais e asociacións de saúde mental o programa interactivo E-Motional Training

O Servizo Galego de Saúde pon a disposición dos seus profesionais e das asociacións que traballan con pacientes de saúde mental o programa online e-Motional Training, dirixido a pacientes con trastornos mentais como a esquizofrenia, o trastorno bipolar, os trastornos de espectro autista e tamén para persoas con dano cerebral.

En Galicia arredor de 200 pacientes traballan xa con esta ferramenta interactiva. Permítelles mellorar a súa rehabilitación en cognición social, é dicir, un adestramento, por exemplo, no recoñecemento das emocións e en percepción social. Doutra banda, posibilita aos profesionais realizar o diagnóstico dos pacientes por parte do equipo médico e, doutra, facer un seguimento dos seus logros a medida que se van adestrando. O programa está actualmente desenvolvendo e ampliando os seus contidos, pero os resultados das súas fases experimentais e piloto amosan melloras notables nos seus usuarios.

O proxecto foi financiado dende 2013 a través do primeiro Programa de Desenvolvemento Precomercial de Resultados de Investigación de Galicia (PRIS) da Consellería de Sanidade. O programa PRIS ten por obxectivo a identificación e apoio de proxectos de investigación, promovidos polos profesionais do sistema de saúde de Galicia, con potencial para chegar á práctica clínica e ao mercado. O caso de éxito de e-Motional Training, que xa está a beneficiar aos pacientes galegos, amosa tanto o potencial da investigación do noso sistema de saúde como a necesidade de valorizar os resultados de investigación para maximizar a súa chegada á sociedade.

Ao ser unha ferramenta en liña, permite que se poida acceder a el dende calquera lugar, cun ordenador ou unha tablet con acceso a Internet, e en calquera momento. O seu uso é gratuíto para profesionais e usuarios dos dispositivos da rede de asistencia á saúde mental de Galicia. Para utilizalo só é preciso que os responsables das unidades se poñan en contacto co equipo coordinador de e-Motional Training, que creará contas de usuario anonimizadas para os pacientes.

Funcionamento do programa

O programa conta con varios módulos. O primeiro ten como obxectivo mellorar a capacidade de recoñecemento das emocións básicas por parte dos pacientes. Nesta fase amósanse distintas fotografías nas que hai que seleccionar a resposta correcta entre unha serie de alternativas. Inclúe unha avaliación que indica ao participante cales son as emocións que recoñece con máis dificultade; tutoriais con explicacións sobre os diferentes aspectos a ter en conta para recoñecelas; vídeos que comparan aquelas emocións que, segundo a literatura científica, se confunden con máis frecuencia; e adestramento específico sobre ollos, boca e microexpresións.

O segundo módulo ofrece dous vídeos -un de debuxos animados e outro con imaxes reais- con guións cheos de malentendidos. Cada escena presenta ao paciente unha pregunta sobre o diálogo dos protagonistas; se se falla recíbese unha axuda e unha pista para que o propio usuario reflexione para atopar a resposta correcta.

E-Motional Training inclúe o vídeoxogo Second Chance, orientado á rehabilitación da Teoría da Mente, facultade que posibilita ter en conta os estados mentais doutras persoas sen presupoñer que as súas ideas ou pensamentos son como os dun mesmo. O xogo consiste nunha aventura gráfica que segue as interaccións do protagonista con varios personaxes ofrecendo diversas posibilidades de reacción ao usuario ante aos distintos dilemas sociais e de toma de decisións que se lle presentan. Esta ferramenta recibiu o Premio ao Mellor Videoxogo Destinado á Saúde no III Congreso de Xogos de Saúde de Madrid.

Esta iniciativa foi presentada hoxe a profesionais e representantes das asociacións polo director de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, a xerente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento, Sonia Martínez Arca, e Alexandre García Caballero, investigador principal do proxecto. Tamén participou no acto Pilar Farjas, xefa de servizo na Xefatura Territorial de Sanidade da Coruña, quen explicou aos asistentes o funcionamento da plataforma E-Saúde, a través da cal está previsto que no futuro se poida acceder a e-Motional Training.