O Sergas pretende que na inscrición das oposicións se escolla a lingua do exame

A Mesa lémbralle ao Sergas que ten que garantir os dereitos lingüísticos dos e das galegofalantes e exixe a retirada deste punto do borrador da convocatoria de oposicións
Por o 24/02/2018 | Sección: Cultura,Sanidad
O Sergas pretende que na inscrición das oposicións se escolla a lingua do exame

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que o Sergas no borrador da convocatoria das oposicións aos Servizo Galego de Saúde pretende eliminar a entrega de exames nas dúas linguas oficiais como viña sendo habitual. No punto 5.1.1 do borrador recóllese que: “O/a aspirante deberá seleccionar no formulario electrónico de inscrición o idioma, galego ou castelán, no que desexa que se lle facilite, na data de exame, o cuestionario de preguntas da parte común e específica da fase de oposición”.

Máis una vez a Consellaría de Sanidade e o Sergas pretenden incumprir a lexislación sobre a oficialidade do galego e os dereitos lingüísticos da cidadanía. A Mesa xa denunciou que nas anteriores convocatorias, á hora da proba se dicía textualmente que “ En caso de erro tipográfico ou de transcrición do texto editado en galego e o editado en castelán, do cuestionario bilingüe, prevalece este último aos únicos efectos da súa comprensión lóxica, sen prexuízo das aclaracións vinculantes que de viva voz poida advertir o tribunal durante a realización da proba.”

A directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas, apuntou que “esta afirmación é un compendio de prexuízos á lingua propia de Galiza. Esta breve instrución evidencia os prexuízos e a discriminación e consideración que lle dan ao galego na Xunta e na Consellaría de Sanidade”.

Semella que á Xunta se lle esquece que o  Estatuto de autonomía de Galiza dispón no seu artigo 5 que “a lingua propia de Galiza é o galego”, e que os poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciaran o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa. Así mesmo, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística,  indica no seu artigo 4.1 que o galego é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma e da súa Administración; e o artigo 6.3 do devandito texto legal insta os poderes públicos de Galiza a promoveren o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns.

A Mesa lembra que no informe da Liña do galego de 2017 o 20% das queixas que teñen relación coa vulneración dos dereitos lingüísticos por parte das entidades e  administracións públicas son ao Sergas.

Elsa Quintas asegura que este tipo de medidas teñen como consecuencia que os dereitos lingüísticos dos e das pacientes se vulneren aínda máis. A Mesa pola Normalización Lingüística exíxelle ao Sergas e á Consellaría de Sanidade que retiren este punto do borrador da convocatoria das oposicións ao Sergas por supor unha discriminación lingüística.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.