O Sergas sitúa Galicia como un dos líderes mundiais da medicina materno fetal

O conselleiro de Sanidade presenta o Centro Avanzado de Medicina Materno Fetal do que dixo que “será referencia para a comunidade galega naqueles procedementos específicos que pola súa complexidade requiran gran experiencia”
Por o 10/07/2017 | Sección: Galicia,Sanidad,Vigo
O Sergas sitúa Galicia como un dos líderes mundiais da medicina materno fetal
Compartir en:

O servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) porá en marcha un Centro Avanzado de Medicina Materno Fetal que será referencia para toda Galicia en determinados procesos diagnósticos e terapéuticos.

Este proxecto foi presentado hoxe polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, nun acto no que estivo acompañado polo xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo, Félix Rubial Bernánrdez, o director de Procesos Asistenciais da EOXI, Julio García Comesaña, e o xefe do servizo de Xinecoloxía e Obstetricia, Carlos López Ramón y Cajal.

O conselleiro explicou que este proxecto, liderado polo doutor López Ramón y Cajal e avalado polo Sergas, nace co obxectivo de ofrecer unha medicina obstétrica de vangarda accesible a toda a comunidade galega. “A evolución da natalidade en Galicia fai necesaria a centralización de recursos e a súa especialización. Neste senso, Vigo é o motor demográfico da nosa comunidade”, explicou. Este servizo será referencia naqueles procesos específicos, que pola súa complexidade necesitan gran experiencia clínica, ou que teñen escasa incidencia en centros máis pequenos que rexistran poucos nacementos.

A maternidade do CHUVI está entre os 10 hospitais de España con maior natalidade. Nestes momentos, explicou Vázquez Almuiña, a maternidade do Hospital Álvaro Cunqueiro está entre as mellores de España, sendo a máis importante de todo o noroeste da península ibérica, tanto polo volume de actividade –en torno aos 4.000 partos anuais- como pola súa dotación tecnolóxica e as técnicas diagnósticas e terapéuticas que desenvolven, polo que “xa é un referente en España en patoloxía obstétrica e medicina fetal”.

Centro de vangarda

No marco deste proxecto vén de establecerse un convenio de colaboración para a formación en asistencia e investigación co Jackson Fetal Therapy Institute, centro estadounidense dirixido polo especialista Rubén Quintero, de referencia mundial nesta materia.

O Centro Avanzando de Medicina Materno Fetal supón un cambio de cultura organizativa, na que a asistencia vertébrase en Unidades funcionais centradas fundamentalmente en catro piares: no diagnóstico fetal, nas terapias e cirurxías fetais, nas principais patoloxías materno infantís e na formación dos especialistas.

Neste senso, disporá das seguintes Unidades funcionais: Unidade de Ultrasóns de Alto Rendemento; Unidade de Terapia e Cirurxía Fetal; Unidade de Patoloxía Materno Fetal e Unidade de Simulación Obstétrica.

“Hoxe en día, o avance das técnicas diagnósticas por imaxe e as terapéuticas ofertan un amplo abanico de prestacións asistencias, polo que se fai necesaria unha superespecialización neses procesos e técnicas -afirmou Carlos López-. No momento actual xa dispoñemos de equipos con especial dedicación a determinadas patoloxías e procedementos; e estamos en condicións de asumir oficialmente á poboación de fóra da nosa área sanitaria. Este proxecto propón a constitución oficial desas Unidades e a designación do CHUVI como Centro de referencia materno fetal da comunidade”.

Unidade de Ultrasóns de Alto Rendemento

O Servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do Hospital Álvaro Cunqueiro é un dos lideres europeos no diagnóstico fetal a través da realización de ecografías de alta resolución en 2D, 3D e 4D. Dispón da tecnoloxía máis avanzada de ultrasóns en alta resolución e nestes momentos está desenvolvendo unha liña tecnolóxica única no mundo, ademais de contar cun equipo de profesionais formados e adestrados nestas técnicas.

“O equipamento actual -explicou López Ramón y Cajal- permítennos explorar os órganos fetais en estadíos moi precoces, con gran definición e máximo nivel de detalle. Temos capacidade para detectar as malformacións conxénitas intrauterinas relacionadas co sistema nervioso, o tórax e o corazón, con imaxes dos órganos vitais en tempo real e en movemento; pudendo realizar estudos cardíacos nos fetos de incluso quince semanas, o que ata o momento era dificultoso dado o pequeno tamaño do corazón”.

A Unidade de Ultrasóns de Alto Rendemento ofrecerá a posibilidade de colaborar con outros profesionais da Comunidade galega, e realizar no Complexo vigués as exploracións fetais ante as dúbidas diagnósticas doutros especialistas.

Unidades de Terapia e Cirurxía Fetal e de Patoloxía Materno Fetal

A intervención fetal tense convertido nunha opción importante para aqueles fetos que, doutro modo non sobrevivirían á xestación, ou sufrirían unha morbilidade e mortalidade significativa despois do nacemento. Trátase dunha cirurxía intrauterina, prenatal, e polo tanto complexa e realizada con técnicas minimamente invasivas.

O incremento da idade materna, das enfermidades asociadas á xestación, e a reprodución asistida son factores que contribúen ao aumento de patoloxías como a prematuridade, o crecemento intrauterino retardado e as preeclampsias, que necesitan dunha axeitada atención materno perinatal.

Neste contexto hai que subliñar que o CHUVI, ao ser a maior maternidade de Galicia, conta ademais cunha Unidade de Prematuros do Servizo de Pediatría, de alta avaliación clínica e técnica. O novo Centro proxectado sería referencia para o estudo destas patoloxías, para planificar a asistencia prenatal e o nacemento de xeito óptimo.

O último piar do Centro Avanzado de Medicina Materno Fetal é o da formación. O Hospital Álvaro Cunqueiro está dotado cunha área de simulación médica para emular procesos obstétricos.