Sergio López é reelixido secretario xeral da Federación de Construción e Servizos de CCOO

Publicado por o día 10/03/2017 na sección de CC.OO,Sindicatos,Vigo

Sergio López é reelixido secretario xeral da Federación de Construción e Servizos de CCOO

A Federación de Construción e Servizos de CCOO de Galicia celebrou hoxe o seu 2.º Congreso Nacional, no que Sergio López Rivera resultou reelixido secretario xeral. Na renovada Comisión Executiva da federación acompañarano Alejandra Gesto Montes, Ricardo Santos Reiriz, Violeta Paz Díaz e Antonio Pérez Jácome.

Na presentación do informe de xestión dos últimos catro anos, Sergio López salientou aspectos da situación laboral en Galicia, onde remarcou que se segue a perder emprego na maioría dos sectores en que a Federación de Construción e Servizos fai o seu traballo. Do mesmo xeito, falou das condicións laborais no ámbito, destacando os «graves» incumprimentos das empresas e a pretensión de recortar salarios e dereitos que se conquistaron na negociación colectiva.

Concluíu a súa intervención sobre o informe, facendo un chamamento aos delegados e delegadas para reforzaren a federación, e agradecendo o traballo dos compañeiros e compañeiras que no último período desempeñaron cargos de responsabilidade e agora se encargarán doutras tarefas, «sempre desde o compromiso con esta organización».