O Servizo Galego de Saúde destina 5,1 millóns de euros a programas de asistencia a pacientes con trastornos adictivos

Por o 25/02/2018 | Sección: Sanidad
O Servizo Galego de Saúde destina 5,1 millóns de euros a programas de asistencia a pacientes con trastornos adictivos

O Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade acolleu o venres pasado o acto de sinatura dos convenios de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e diferentes asociacións sen ánimo de lucro, por un importe de 5.145.335 euros, para o desenvolvemento de programas de asistencia a pacientes con trastornos relacionados con substancias e trastornos aditivos derivados do uso das drogas. Estas contías rexistran un incremento medio do 4,6% con respecto de anos anteriores, aumentando por primeira vez dende o ano 2008.

En concreto, as entidades destinatarias das axudas son Cruz Vermella Lugo, que recibe 561.273 euros; ASFEDRO, que recibirá 844.032 euros, Alborada que recibirá 1.356.351 euros, e ACLAD cunha contía de 1.523.144. A Fundación Monte do Gozo recibirá un total de 860.535 euros, dos cales 727.601 euros están destinados ao programa terapéutico educativo Proxecto Home de atención e rehabilitación de drogodependentes de Galicia, e outros 132.934 euros son para o desenvolvemento do programa de tratamento e rehabilitación en réxime de comunidade terapéutica da dependencia alcohólica.
Os convenios foron asinados polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña; polo presidente de ACLAD, Miguel Carlos Plaza; polo presidente de Alborada, Delfín Fernández Álvarez; polo vicepresidente de Asfedro; Antonio Núñez Pérez; polo presidente de Cruz Vermella Lugo; Luis Abelleira Mayor; e polo director da Fundación Monte do Gozo, Ramón Gómez Crespo.
No desenvolvemento destes programas, as asociacións atenderán toda a demanda xerada neste período, respectando os principios de universalidade, anonimato, voluntariedade e gratuidade na súa respectiva área de influencia. En definitiva, realizarán a atención integral aos pacientes con trastornos adictivos e ás súas familias atendendo a criterios, guías e procedementos establecidos polo Sergas.
As entidades realizarán os programas previstos no proxecto do novo Plan de Trastornos Adictivos de Galicia, entre os que atopan como medidas a mellora na atención a persoas que padecen simultáneamente un trastorno adictivo e outro trastorno mental (patoloxía dual) e a atención de terceiro nivel (en réxime residencial) que se presta na comunidade terapéutica, así como a mellora na coordinación cos dispositivos da rede de saúde mental e atención primeira e a atención a novas condutas de atención clínica.
Outras novidades que recolle o Plan de xeito transversal son a introdución da perspectiva de xénero, atendendo ás necesidades específicas da muller que padece este tipo de patoloxías, así como a mellora do coñecemento acerca destes trastornos co deseño dun Plan Anual de Formación en materia de adiccións.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.