Sés. Garufa Blue Devil Band, De Vacas e Xabier Díaz concertos esta semana da mán de MUSIGAL 2020

Co programa da Deputación, Sés estará hoxe en Bueu, e o sábado Garufa Blue Devil Band actuará en Gondomar, De Vacas en Meaño e Xabier Díaz en Poio
Publicado por o día 15/07/2020 na sección de Cultura,Deputación de Pontevedra

Sés. Garufa Blue Devil Band, De Vacas e Xabier Díaz concertos esta semana da mán de MUSIGAL 2020

Musigal, o programa cultural da Deputación de Pontevedra, continúa espallando esta semana a música galega e en galego por toda a xeografía da provincia de Pontevedra con catro novos concertos que comezan hoxe mesmo en Bueu. A rúa Montero Ríos da vila do Morrazo acollerá a actuación de “Sés” ás 22.30 desta noite. Xa o sábado, día 18, en Gondomar, terá lugar o concerto de “Garufa Blue Devil Band” ás 22 horas nas pistas deportivas do CDL. O mesmo día, o grupo “De Vacas” ás 22 horas actuará na praza do Concello de Meaño, e “Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre” estarán en Poio ás 21.30 horas no Parque Ankar.

“Musigal 2020” ten como obxecto contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego, así como fomentar a defensa da igualdade e favorecer a programación artística nos concellos da provincia. Xunto a isto, esta iniciativa pretende dinamizar a lingua galega, favorecer a vivencia positiva e posta en valor do noso idioma, contribuír ao incremento do seu emprego, así como estender a socialización en galego da infancia e a toma de consciencia sociolingüística da poboación da provincia.

A Deputación ten pechados ata agora máis de 40 concertos, doce deles neste mes de xullo. Amais do celebrado xa en Tomiño e dos catro desta semana en Bueu, Gondomar, Meaño e Poio, haberá concertos de “Musigal 2020” en Sanxenxo, O Grove, Moraña, Covelo, Silleda, Lalín e Rodeiro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.