Sesión formativa no Concello de Lalín sobre a nova aplicación de mapeo e xestión de incidencias

A ferramenta foi desenvolvida por Evelb Técnicas y Sistemas e estará operativa proximamente
Publicado por o día 24/09/2018 na sección de Galicia

Sesión formativa no Concello de Lalín sobre a nova aplicación de mapeo e xestión de incidencias

A pasada semana tivo lugar no consistorio unha sesión formativa sobre a nova ferramenta dixital para mellorar a localización, a xestión e a resolución de incidencias, que vai poñer en marcha o Concello de Lalín dentro dos proxectos para  fomentar o desenvolvemento e o acceso ás TIC incluídos na estratexia Lalín Ssuma 21 cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) mediante o Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) 2014-2020).

A actividade foi impartida por un representante da empresa Evelb Técnicas y Sistemas que resultou adxudicataria deste proxecto ao que se destina un orzamento de 10 mil euros. Nela participaron técnicos municipais de informática, obras, medio ambiente, turismo, comunicación, Protección Civil, Policía Local e outros departamentos que poidan verse implicados na xestión de incidencias. Así mesmo, estivo presente o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, quen informou de que a aplicación xa está completamente desenvolvida e será presentada proximamente para, a continuación, facela operativa e accesible á cidadanía.

A plataforma para o reporte será accesible a través de calquera navegador web e dende calquera dispositivo, xa sexa un ordenador ou  un dispositivo móbil. Entre outras cuestións relativas ao funcionamento, o sistema xeolocalizará cada contratempo enviado por un usuario e notificará o reporte do mesmo aos técnicos que foron designados en función da categoría do mesmo. Ademais, dende a plataforma de xestión poderase realizar un seguimento continuo do estado das incidencias.

Casares puxo de relevo a utilidade que alcanzará esta nova aplicación dixital tendo en conta que o concello de Lalín presenta actualmente unha importante dificultade á hora de dar resposta ás diferentes deficiencias e necesidades que xorden tanto no casco urbano como nas 52 parroquias do extenso territorio municipal. Por iso -explica- esta aplicación permitirá mellorar moi considerablemente os servizos de atención públicos que ofrece o Concello de Lalín acortando os tempos de xestión e dando solución ás incidencias de  modo máis eficiente.