Sete de cada dez galegos recoñecen ter un baixo ou nulo coñecemento sobre biotecnoloxía

Aínda que o 84,6 por cento dos galegos enquisados considera que a medicina é unha das súas principais aplicacións, o 35,4 por cento non sabe diferenciar entre un fármaco biolóxico e un químico
Publicado por o día 23/07/2019 na sección de Galicia,Salud,Sanidad

Sete de cada dez galegos recoñecen ter un baixo ou nulo coñecemento sobre biotecnoloxía

O 72,8 por cento dos galegos, fronte ao 74,1 por cento da media española, recoñece que o seu coñecemento sobre biotecnoloxía é baixo ou nulo, a pesar do seu crecente papel en áreas como a medicina.
 
Esta é unha das principais conclusións que se desprenden do Biotecnómetro 2019, unha enquisa realizada a 3.000 persoas en toda España pola compañía biotecnolóxica Amgen e que ten como finalidade coñecer o interese e o grao de coñecemento sobre a biotecnoloxía aplicada á saúde.
 
A biotecnoloxía refírese a toda aplicación tecnolóxica que utilice sistemas biolóxicos e células vivas para a produción e a optimización de medicamentos, alimentos e outros produtos de utilidade para o ser humano.
 
A pesar de que poucas persoas saben definila, a biotecnoloxía está moi presente na nosa vida diaria xa que o 30 por cento dos fármacos introducidos no noso sistema sanitario nos últimos 25 anos son biolóxicos, tal e como recolle un informe da Fundación Weber de 2017. Os primeiros medicamentos froito de procesos biotecnolóxicos chegaron ao mercado a principios dos oitenta cando científicos estadounidenses inseriron por primeira vez unha secuencia de ADN modificado en células de hámster. Así, conseguiron proteínas modificadas xeneticamente coas que actualmente xa se tratan enfermidades como o cancro, as patoloxías autoinmunes ou as cardiovasculares.
 
E a presenza actual da biotecnoloxía en saúde non vai deixar de crecer dado que cada ano aumenta nun 25 por cento o número de fármacos biolóxicos que esperan aprobación por parte das autoridades sanitarias regulatorias, segundo un informe da consultora McKinsey & Company de 2017.
 
“É o momento de tomar consciencia de que estamos inmersos nunha nova era da medicina na que os medicamentos biolóxicos están a cambiar a práctica clínica, conseguindo tratamentos máis efectivos e personalizados que están a modificar o curso das enfermidades graves e mellorando a vida dos pacientes con necesidades non atendidas”, explica José Motellón, Director Médico de Amgen Iberia.
 
Precisamente, na enquisa, unha inmensa maioría dos galegos (o 88,5 por cento) considera que a biotecnoloxía é un “avance científico”.
 

Principalmente, en oncoloxía

 
Cando se profunda nas áreas terapéuticas onde a biotecnoloxía pode ser máis relevante, o 77,4 por cento dos enquisados galegos sitúa ás enfermidades oncolóxicas en primeiro lugar. En segundo termo, aparecen as enfermidades víricas (54,8 por cento), seguidas moi de preto polas enfermidades mentais dexenerativas (47,8 por cento). De feito, son algunhas das principais áreas nas que a biotecnoloxía está a centrar os seus esforzos en investigación. Con todo, hai que destacar tamén que un 35,4 por cento dos galegos descoñece que tipo de enfermidades poden tratarse actualmente con fármacos biolóxicos.
 
No primeiro Biotecnómetro realizado por Amgen, o 84,6 por cento dos enquisados galegos que ten, polo menos, algo de coñecemento sobre biotecnoloxía considera que a medicina é o principal ámbito de investigación onde se pode aplicar. Aínda así, existe un gran descoñecemento cando se pregunta polos medicamentos biolóxicos. Máis da metade dos consultados (53,1 por cento) que afirma ter coñecemento sobre a biotecnoloxía non sabería dicir se lle prescribiron algunha vez fármacos biolóxicos.
 
Por outra banda, en canto ás diferenzas entre un fármaco de orixe biolóxica e un de orixe química, o 56,2 por cento dos galegos aseguran que si as coñecen mentres que un 43,8 por cento aseguran que non.
 

Pouca información sobre biotecnoloxía aplicada á saúde

 
Chama a atención que sendo España a novena potencia mundial en produción de coñecemento no sector biotecnolóxico, segundo o informe ASEBIO de 2018, a inmensa maioría da poboación galega (96,1 por cento), unha das máis altas de España, considere que a información que actualmente existe sobre biotecnoloxía aplicada á saúde é insuficiente. Na mesma liña, o 88,3 por cento dos galegos asegura que lle gustaría ter máis información sobre fármacos biolóxicos.
 
Á hora de buscar información sobre as aplicacións da biotecnoloxía no ámbito da saúde son varias as fontes de información que utilizan os enquisados galegos, quen puido elixir en resposta múltiple. Concretamente, o 65 por cento dos enquisados
 
afirma que acudiría aos profesionais da medicina para informarse, o 60 por cento utilizaría páxinas web e o 31,7 por cento consultaría ao seu farmacéutico.
 

Ficha técnica da enquisa

 
Para a elaboración do Biotecnómetro 2019 realizáronse 3.000 entrevistas levadas a cabo entre o 23 de maio e o 4 de xuño a nivel nacional, cunha selección aleatoria dos entrevistados, maiores de 18 anos, e con cotas de sexo, idade e por comunidade autónoma. O erro muestral polo conxunto da enquisa é de ±1,83 por cento para datos globais (3.000 n) p= Q=0,5 e un intervalo de confianza de 95,5 por cento (2 s).