Sete organizacións debaten en Vigo sobre a Europa que queremos

Da man de Amigos da Terra sete organizacións reúnense en Vigo para trasladarlle aos políticos e a opinión pública a “Europa que queremos”
Publicado por o día 08/05/2019 na sección de Eventos,Galicia,Vigo

Sete organizacións debaten en Vigo sobre a Europa que queremos

Estes meses están a ser realmente intensos no panorama político. Despois das eleccións xerais, o próximo 26 de maio a cidadanía volve ter unha cita nas urnas, para votar polos seus representantes municipais e tamén polos europeos.

A presión ás administracións a todos os niveis é clave para alcanzar unhas políticas nas que se priorice o interese xeral por encima dos intereses dunhas minorías. Por este motivo tamén é clave apostar por unha Europa que defenda estas premisas e mobilizarse tanto nas rúas como nas urnas para construír a Europa que queremos.

Os resultados destas votacións decidirán gran parte das políticas que rexen as normativas estatais e, por tanto, o día a día da xente, desde o medio ambiente, ata as directivas de enerxía, plásticos, e mesmo as relacionadas coa alimentación.

Amigos da Terra organiza un coloquio onde organizacións tan dispares como Amnistía Internacional, ATTAC, Intermon Oxfam, Ecoloxistas en Acción, Marcha Mundial das Mulleres, Sindicato Labrego Galego e SOS Racismo Galicia reflexionarán sobre que implicacións teñen as decisións tomadas no Parlamento Europeo na nosa vida cotiá e cal é a Europa que queren dentro do seu ámbito de actuación (dereitos humanos, xénero, políticas agrarias, territorio, migración, acordos comerciais, medio ambiente). A este acto tamén están convidados as distintas candidaturas galegas ás institucións europeas.

Este ano, ademais, as eleccións europeas son máis críticas que en ningún outro momento. Ao longo dos anos lográronse dereitos e liberdades que agora mesmo poderían verse ameazadas. É indispensable camiñar cara a unha Europa inclusiva, sustentable, que loite para garantir os dereitos das persoas máis vulnerables, e non polos privilexios dun puñado de multinacionais.

As mobilizacións polo clima que tiveron lugar por todo o mundo son un claro exemplo das demandas dos e das máis novas, que se fan eco da ciencia para dicirnos que só nos quedan 12 anos para limitar o cambio climático e evitar as peores secas, inundacións e a pobreza. Agora é o momento de que a cidadanía que pode exercer o seu dereito ao voto nas urnas, se lle escoite e se mobilice por toda Europa para esixir o dereito a un futuro e a unha vida digna. Europa necesita un cambio de rumbo, onde as persoas e o planeta estean o centro das decisións políticas.

Ás 19:00 na Biblioteca pública de Vigo Juan Compañel mañá xoves.