Sicixia abre mañá en Pontevedra a sexta edición da Master Class do Audiovisual galego Augal

Promovida por Cultura e a Universidade de Vigo, desenvolverase ata o 3 de maio na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación
Publicado por o día 14/03/2017 na sección de Cultura,Galicia,Pontevedra,Vigo

Sicixia abre mañá en Pontevedra a sexta edición da Master Class do Audiovisual galego Augal

A sexta edición de Augal, a Master Class do Audiovisual Galego, dá comezo mañá en Pontevedra coa proxección do filme Sicixia e un coloquio co seu director, Ignacio Vilar. Esta será a primeira das seis sesións deste programa, que se desenvolverá ata primeiros de maio na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus da Xunqueira coa participación dun total de nove profesionais do sector para falar dos seus recentes traballos cinematográficos.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e a Universidade de Vigo volven colaborar nesta acción formativa, que foi presentada hoxe na Casa das Campás polo vicerreitor Juan Corbacho, o director da Agadic, Jacobo Sutil; o decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Xosé Baamonde; e o profesor Paulino Pérez, do equipo coordinador de Augal.

Como explicou Jacobo Sutil, esta iniciativa responde a un dobre obxectivo que busca impulsar a formación complementaria no ámbito audiovisual, ao tempo que lle dá visibilidade ao cinema galego máis recente da man dos seus produtores, directores e guionistas, entre outros profesionais implicados nas diferentes fases do proceso de produción.

Premios Mestre Mateo

O director da Agadic subliñou que as fitas recollidas no programa deste curso 2016-2017 dan conta do gran nivel acadado no último ano polo audiovisual galego, tanto polo número de filmes estreados como pola súa variedade e presenza en festivais internacionais. Así, tras a cita con ‘Sicixia’, o 22 de marzo terá lugar unha sesión arredor de ‘María (y los demás)’, a recente gañadora do Mestre Mateo á mellor película, coa asistencia dos seus produtores, Luisa Romeo e Sergio Frade, de Frida Films.

Tamén estará na escolma desta edición o Goya e Mestre Mateo á mellor película de animación, ‘Psiconautas. Los niños olvidados’, que pechará Augal o 3 de maio cun encontro co seu codirector, Alberto Vázquez, así como o Mestre Mateo á mellor curtametraxe, ‘Einstein-Rosen’, de Olga Osorio.

Este último traballo proxectarase o 29 de marzo como parte dunha sesión arredor do catálogo ‘Shorts from Galicia’, a marca da Agadic para a promoción exterior das curtas galegas. Ademais de Olga Osorio, participarán nela Diana Toucedo con ‘Homes’ e Lucía Estévez con ‘Volver alí’.

Completa o programa desta sexta Master Class do Audiovisual Galego ‘Migas de Pan’, coprodución galego-uruguaia que o 26 de abril será obxecto da proxección e o coloquio coa súa directora, Manane Rodríguez, e co seu coguionistas, Xavier Bermúdez.

A organización de Augal recibiu xa un cento de inscricións para asistir a este encontro, dirixido a estudantes, profesionais do sector e todas aquelas persoas interesadas no noso cinema. A matrícula, que se manterá aberta ata completar a capacidade, é gratuíta e debe formalizarse enviando ao correo electrónico audiovisual.agadic@xunta.gal o formulario de inscrición que pode descargarse na web www.agadic.gal. Todas as sesións terán lugar en mércores, a partir das 16.00 horas.