Silleda acolle este domingo a segunda proba das “DepoRutas BTT” da Deputación de Pontevedra

Preto de 150 persoas realizarán un percorrido de 31,88 quilómetros que discorre por lugares tan emblemáticos como a igrexa do Castro, Carboeiro ou a fervenza do Toxa
Publicado por o día 13/09/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

Silleda acolle este domingo a segunda proba das “DepoRutas BTT” da Deputación de Pontevedra

O concello de Silleda acollerá este domingo a segunda proba das “DepoRutas BTT” da Deputación de Pontevedra, iniciativa para fomentar o deporte e o turismo sustentable, na que están inscritas preto de 150 persoas. Deste xeito, ás 10:30 horas comezará un percorrido circular de 31,88 quilómetros por zonas de carballeiras e camiños estreitos da vila.

A DepoRuta BTT de Silleda ten como punto de saída a praza da Feira da vila de Bandeira, onde comezará a subida por zonas de carballeiras e camiños estreitos ata o punto máis alto. Posteriormente, as e os participantes descenderán ata a igrexa do Castro para, a continuación, dirixirse ao impresionante mosteiro de Carboeiro, onde está o avituallamento intermedio da ruta. Despois, as persoas participantes cruzarán o río Deza, pasando polo concello de Vila de Cruces e, por último, dirixiranse á coñecida fervenza do Toxa. Desde este punto porán rumbo cara ao punto de partida.

Tras a cita deste domingo en Silleda, a seguinte DepoRuta BTT será o 29 de setembro en Nigrán. Para esta proba haberá 300 prazas dispoñibles e o prazo de inscrición estará aberto a partir do próximo luns 16 de setembro na web da Deputación de Pontevedra. Posteriormente, o 20 de outubro, terá lugar a de Salceda de Caselas e, para rematar, o 27 de outubro será a quenda da DepoRuta BTT de Cangas.

O programa “DepoRutas BTT” ofrece 5 itinerarios totalmente gratuítos cun máximo de 300 prazas en cada unha delas. O obxectivo da iniciativa da Deputación de Pontevedra é fomentar o deporte á vez que se poñen en valor os montes da provincia, dunha riqueza natural, ecolóxica e patrimonial inigualables. O programa está dirixido a todas aquelas persoas maiores de 16 anos que gocen do deporte en contacto coa natureza.

Comentar noticia

Your email address will not be published.