Silleda acolle unhas xornadas sobre cooperativismo con estudantes da comarca de Ordes

A iniciativa, coordinada por Amarelas S.Coop G, continuará nos vindeiros días con sesións formativas e actividades de interpretación da localidade
Publicado por o día 21/09/2018 na sección de Galicia

Silleda acolle unhas xornadas sobre cooperativismo con estudantes da comarca de Ordes

Silleda acolle estes días unhas xornadas sobre cooperativismo promovidas dende a Mancomunidade de Ordes coa entidade local Amarelas S.Coop G. como protagonista. Na cita participan en total preto de 300 alumnos e alumnas de distintos centros de ensino da comarca ordense.

Ademais dunha primeira parte de formación, na que as responsables de Amarelas informan ao alumnado sobre economía social e cooperativismo, tamén se visualizan distintos valores do produto.

Así mesmo, como actividade complementaria á formación –que se realiza no salón de actos da Casa da Cultura de Silleda- tamén se fan actividades de interpretación da localidade. Baixo o lema “Experiencia Exilieta”, o alumnado participante está a percorrer estes días as rúas da vila para interpretar a identidade e características de Silleda. “Trátase de coñecer o pobo dende o pobo”, explica a silledense Erea Viz, unha das promotoras de Amarelas, a cooperativa de servizos turísticos e lecer que botou a andar hai uns meses.  As xornadas, continuarán mañá venres e a vindeira semana (o luns, marte e mércores).

Dende a concellería de Cultura, Ana Luisa González, destaca a iniciativa de Amarelas, “como unha aposta diferente pola promoción turística baixo a fórmular do cooperativismo”, explica.

Conquista de Carboeiro e Pont-Up Store

Amarelas vén realizando actividades como a denominada “A conquista de Carboeiro”, co mosteiro románico como protagonista, e conta con servizos como un roteiro de interpretación da mel de altura en Zobra. “Buscamos un turismo responsable para fomentar o desenvolvemento local con actividades dinamizadoras “, explica Erea Viz.

Por outra banda Amarelas foi seleccionada para presentar mañá o seu proxecto no Pont-Up Store, unha iniciativa de apoio ao emprendemento no marco do programa Campus Crea.

As responsables da cooperativa presentarán no espazo “Puntazo Express”, explicando o seu proxecto.