Silleda acollerá en agosto un intercambio cultural con vilas de Francia, Italia e Portugal

O Concello concorre ao programa Europa cos cidadáns cun proxecto centrado no patrimonio musical. Manuel Cuiña mantivo xa un primeiro encontro co Comité de Irmandamento de Silleda para coordinar os actos a celebrar
Publicado por o día 28/02/2018 na sección de Galicia

Silleda acollerá en agosto un intercambio cultural con vilas de Francia, Italia e Portugal

O municipio de Silleda acollerá o vindeiro mes de agosto un intercambio cultural coas localidades de Canejan (Francia), Poggio Mirtetto (Italia) e Paredes de Coura (Portugal). Esta iniciativa xurde no marco do programa Europe for Citizens (Europa ca cidadanía), ao que o Concello de Silleda presentou un proxecto xunto co resto de localidades como socios.

Para falar desta iniciativa o alcalde Manuel Cuiña mantivo hoxe un primeiro encontro con membros da directiva do Comité de Irmandamento de Silleda, que se implicará na coordinación e organización do programa de actos.

As actividades terá como eixe temático o patrimonio cultural, e mais en concreto o musical, “algo do que en Silleda podemos presumir con numerosos grupos e colectivos”, sinala Cuiña.

Dende o comité participarán tamén na implicación dos distintos colectivos que forman parte da entidade tanto para deseñar o programa de actos como para a acollida dos participantes nos domicilios.

“Estamos moi ilusionados con esta iniciativa de intercambio e creo que en Silleda como xa aconteceu noutras ocasións seremos bos anfitrións destas localidades irmáns coas que temos moitas cousas en común pero tamén diferencias e valores que podemos e debemos compartir”, indica Cuiña.

A celebración de certames musicais e festas populares durante o mes de agosto tamén se terán en conta na programación do calendario de actividades.

“Logo da gran acollida e da excelente experiencia que tivemos o ano pasado en Francia, coa participación dun grupo de mozos e mozas silledenses no intercambio con Canejan e Poggio, a nosa proposta é tamén un reto ilusionante”, engade Cuiña, que agradece a implicación do Comité de Irmandamento.

Nas vindeiras datas celebraránse máis reunións de cara a preparar o intercambio.