Silva amosa a súa satisfacción trala aprobación da adhesión de Vilagarcía de Arousa á Rede Estatal de Destinos Turísticos Intelixentes

A Deputación de Pontevedra é a única institución galega que forma parte da Comisión Executiva da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes (DTI)
Publicado por o día 02/10/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Vilagarcia

Silva amosa a súa satisfacción trala aprobación da adhesión de Vilagarcía de Arousa á Rede Estatal de Destinos Turísticos Intelixentes

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, participou esta mañá xunto á Secretaria de Estado de Turismo, Isabel Oliver, e o presidente de SEGITTUR, Enrique Martínez, na Comisión Executiva da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes da que forma parte como vogal. Na xuntanza da Comisión aprobouse, entre outras cuestións, a adhesión de Vilagarcía de Arousa á rede estatal, sendo o segundo concello da provincia en formar parte dela. “Trátase dunha boa noticia para toda a provincia, que significa que hai máis destinos turísticos na provincia que apostan polo turismo intelixente”. Deste xeito Vilagarcía, xunto a Sanxenxo, son os dous concellos de Pontevedra que forman parte da rede.

Silva amosou o seu orgullo por formar parte da Comisión Executiva da Rede de DTI que puxo en marcha o Goberno de España, “o que manifesta que na provincia estamos a facer moi ben as cousas. Somos a única administración de Galicia que forma parte da Executiva da Rede de DTI”.

Como vogal da Comisión, a presidenta provincial propuxo que a rede teña presenza en FITUR para dar a coñecer o traballo que desenvolve e os destinos que a integran, cuestión que foi aceptada por unanimidade. “Falamos dunha rede que é xa unha referencia para a OMT, e cremos que debemos visibilizar toda a aposta que estamos a facer como destinos turísticos intelixentes, dos primeiros do mundo en alcanzalo”, asegurou Carmela Silva. Tamén fixo fincapé a presidenta na importancia de “avanzar na dixitalización nun escenario de gran competitividade” e na capacidade da Rede de DTI para “darnos ferramentas e indicadores para o cumprimento dos ODS nos destinos turísticos.

Ademais a presidenta adiantou que “seguramente nos vindeiros meses teremos un certificado de cumprimento das máis de 400 esixencias que existen para formar parte desta rede. Estamos facendo unha gran aposta por ser protagonistas e dos primeiros destinos que formamos parte do que non é o futuro, senón xa o presente”.

Na reunión da Comisión Executiva, celebrada esta mañá en Madrid, tamén se afondou no estado de situación da Rede DTI e nas principais accións promovidas. Ademais, aprobouse o programa para a Asemblea de Destinos Turísticos Intelixentes que terá lugar o 17 de outubro en Benidorm.

A Rede DTI, da que forman xa parte 76 destinos, está a definir o modelo de turismo do futuro, promovendo un novo marco de referencia baseado na innovación, coñecemento, tecnoloxía e gobernanza para construír espazos turísticos innovadores. Para elo a Rede DTI apóiase nunha infraestrutura de vangarda para garantir o desenvolvemento sostible do territorio, a accesibilidade, a interacción e a integración da persoa visitante coa contorna, así como a mellora da calidade de vida das persoas que residen nos destinos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.