Silva e Fernández destacan o cambio nas políticas da deputación desde a chegada das e dos socialistas

A presidenta da Deputación e o candidato á alcaldía de Pontevedra protagonizaron un acto na Casa da Luz da Boa Vila
Por o 14/05/2019 | Sección: Galicia,Política,Pontevedra,PSOE
Silva e Fernández destacan o cambio nas políticas da deputación desde a chegada das e dos socialistas

Carmela Silva arroupou este luns en Pontevedra ao candidato á alcaldía, Tino Fernández, nun acto no que ambos destacaron o cambio que supuxo a chegada das e dos socialistas ao Goberno da Deputación de Pontevedra.

Silva fixo fincapé na revolución na forma de repartir fondos por parte da entidade provincial, acabando así cos tempos nos que este se facía de forma discrecional e introducindo criterios obxectivos. Un novo xeito de facer as cousas que supón un beneficio para todos os concellos, desde os máis pequenos aos máis grandes.

Na cidade de Pontevedra este revulsivo tivo a súa máxima expresión no desenvolvemento das parroquias, as que se dotou con financiamento da Deputación para a construción de dous novos centros sociais no Burgo e nos Campos, así como no saneamento nas parroquias de Mourente e Bora e no río dos Gafos, así como na mellora de novos vieiros de acceso en Monte Porreiro, Marcón e outras estradas municipais.

Tamén se dotou con novas instalacións deportivas a aqueles núcleos de poboación periféricos. A Deputación financiou dous novos campos de fútbol nas parroquias de Campañó e Ponte Sampaio, e melloras noutros dous, coa instalación de herba sintética en Cerponzóns e Santa María de Xeve.

O deporte foi unha das grandes vías de colaboración entre a institución provincial e o goberno municipal. Ademais dos exemplos xa mencionados,

a presidenta destacou a implicación da Deputación en tres grandes eventos deportivos que se celebraron en Pontevedra durante este mandato: o Campionato de Europa de Piragüismo Maratón, o Multisport Triatlón 2019 ou o Mundial de Balonmán Junior, que terá lugar este mes de xuño.

O eido da cultura foi outro dos eixos da acción política da Deputación durante este primeiro mandato socialista, que colaborou con máis de 56 entidades da cidade para esta finalidade, así como con unha liña especialmente dedicada ao desenvolvemento de actividades artísticas, culturais e de promoción da cidade.

Segundo destacou Carmela Silva, “a nova Deputación favoreceu que as dúas grandes cidades, Pontevedra e Vigo, puidesen dar resposta ás demandas do século XXI: equipamentos deportivos, recuperación de espazos respectando o medio ambiente, aposta polo deporte como unha cuestión saudable e de socialización e tamén como atracción turística”. “Nós tiñamos moi claro que había que mudar o modelo de goberno… Novas formas, transparentes e equilibradas, pero mantendo tamén o respecto pola autonomía local”, apuntou.

A presidenta provincial lembrou que a Deputación “estivo presente, con recursos económicos, en tódolos grandes eventos que se teñen celebrado na cidade de Pontevedra”. Asemade, Silva resaltou o compromiso da Administración socialista “coa recuperación do patrimonio, a cultura e a igualdade”.

“A Deputación –engadiu- estivo presente como nunca en Pontevedra, aportando recursos que converteron á Deputación na administración que máis investimentos fixo nesta cidade”.

Para o candidato do PSOE á Alcaldía de Pontevedra, Tino Fernández, “resulta máis que evidente o efecto revulsivo que supuxo para Pontevedra a chegada dun goberno socialista á Deputación”. Tal e como subliñou durante a súa intervención, dende que Carmela Silva se converteu na

primeira muller en presidir a Administración provincial, “a nosa cidade volveu sentirse apreciada de verdade, non só pola xenerosidade dos investimentos que se teñen realizado, senón tamén polo novo talante progresista, dialogante e feminista que caracterizan ao noso partido”.

Na súa opinión, “as e os pontevedreses deben aproveitar o privilexio que supón ter a un goberno do PSOE á fronte da Deputación e do Goberno central, optando polo único voto útil da esquerda: o do Partido Socialista”. “A voz de Pontevedra está a ser escoitada pola compañeira Carmela Silva -subliñou- e o presidente Pedro Sánchez xa deixou ben claro que tamén escoita, e moito, as reivindicacións que os socialistas lle facemos dende aquí”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.