Sinalización turística para poñer en valor a marca local ‘Mos, a Rosa do Camiño’

A Xunta de Goberno mosense aprobou hoxe o contido do convenio coa Axencia Turismo de Galicia
Publicado por o día 24/08/2017 na sección de Galicia,Mos

Sinalización turística para poñer en valor a marca local ‘Mos, a Rosa do Camiño’

A Xunta de Goberno Local do Concello de Mos aprobou esta mañá o contido do convenio de colaboración entre a Axencia Turismo de Galicia e a administración local mosense para a sinalización para a posta en valor da marca ‘Mos, a Rosa do Camiño’.

Grazas ao devandito convenio realizaranse unha serie de actuacións con orzamento de 20.892,27 euros dos cales 15.041,25 euros serán financiados pola Axencia Turismo de Galicia e os 5.851,02 euros restantes asumiraos o Concello.

Os sinais que se instalarán teñen o obxecto de aportar información e promocionar a actividade turística de interese e ámbito local que deberán conter a Marca Turística de Galicia.

Os elementos de sinalización que se instalarán e que serán colocados ao longo do Camiño de Santiago Portugués ao seu paso por Mos incluirán tres tipos de sinais tales coma frechas de madeira, tótems de benvida e carteis-directorio planimétricos culturais.

Tras a aprobación do convenio coa Axencia Turismo de Galicia, o Concello de Mos iniciará o proceso de contratación da empresa adxudicataria que realizará a obra de instalación dos sinais. Ditos traballos deberán estar rematados, tal e como se estipula no propio convenio, antes do vindeiro 15 de novembro.

A finalidade deste proxecto de sinalización direccional é que os peregrinos non se perdan nin se desvíen da ruta. O obxectivo principal desta actuación é que o peregrino saiba cando entra e cando sale de Mos e que durante o tramo mosense se sinta o máis a gusto e o máis cómodo posible; e, por suposto, sen sufrir ningún tipo de incidente.

O Concello de Mos nunca esquece que é un municipio do Camiño e, sabedor de que ser paso do Camiño de Santiago é o seu principal activo cultural e turístico, pon o máximo empeño en coidar, mellorar e implementar dito activo.

Esta iniciativa da posta en valor da marca ‘Mos, a Rosa do Camiño’, comezando por este proxecto de sinalización do Camiño de Santiago ao seu paso por Mos, foi abordada e aprobada pola Mesa local do Camiño, constituída o 28 de febreiro do presente ano. A Mesa do Camiño constituiuse xa baixo o paraugas da marca ‘Mos, a Rosa do Camiño’. Quérese potenciar esta marca por ser a rosa o símbolo municipal representado na bandeira e o escudo locais, ademais do principal emblema cultural da localidade, coa Festa da Rosa á cabeza; celebración que foi declarada de Interese Turístico de Galicia fai dous anos.

Así que, para poñer en valor e potenciar dita marca, decidiuse sinalizar todo o Camiño de Santiago Portugués ao seu paso por Mos con sinais direccionais que lles sirvan de orientación aos moitos peregrinos que pasan pola localidade mosense.

No proxecto de sinalización do Camiño búscase un modelo de sinal e panel informativo con datos moi completos mediante o que os camiñantes, nada máis saír do Porriño, poidan ter información do tipo: cantos quilómetros lles quedan ata o Pazo de Mos, que ao chegar ao Pazo atoparanse tamén cun albergue de peregrinos, tenda, bar, restaurante, cafetería, etc. Este proxecto está rexido pola normativa establecida polo Xacobeo.