Sinatura do contrato por parte da empresa Sergonsa Servicios SL para acometer o proxecto de demolición do antigo colexio Manuel Rivero

Publicado por o día 15/01/2019 na sección de Galicia,Lalín

Sinatura do contrato por parte da empresa Sergonsa Servicios SL para acometer o proxecto de demolición do antigo colexio Manuel Rivero

Esta actuación está incluída na estratexia Lalín Ssuma 21, cofinanciada nun 80% por fondos FEDER no marco do programa operativo de crecemento sostible, POCS 2014-2020 e foi adxudicada por 66.400 euros. Como anunciaron o alcalde, Rafael Cuíña, e o concelleiro de Urbanismo, Nicolás González Casares, as obras comezarán a desenvolverse o día 25 de xaneiro e deberán estar rematadas no prazo máximo dun mes. O ámbito de actuación comprende o total da parcela do antigo colexio Manuel Rivero, cunha superficie de 1.523 metros cadrados, dos que 1.014 están ocupados pola edificación. As edificacións que compoñen o conxunto do antigo colexio son 3: dous espazos docentes de idénticas características e un terceiro edificio que era destinado a ximnasio. O titular de urbanismo lembrou que os inmobles se atopan abandonados dende hai anos e non reúnen unhas mínimas condicións de habitabilidade, polo que para darlle un novo uso constatouse que a alternativa técnica e economicamente máis viable é a súa demolición. A demolición efectuarase de arriba cara abaixo de maneira ordenada e intentando que se vaia desenvolvendo sempre ao mesmo nivel. Como primeiro paso procederase á retirade selectiva de enseres e mobiliario, así como elementos de tabiquería, para dar paso a falsos teitos, escaleiras etc. eliminando finalmente os muros e as cimentacións ata deixar a zona completamente limpa e explanada. Tamén se colocará un muro perimetral de seguridade para evitar que se poida acceder ao recinto mentres se executan as obras.

o montante total que se prevé destinar ao Plan de recuperación social do Manuel Rivero ascende a máis dun millón de euros, o que permitirá desenvolver diferentes actuacións para poñer en valor unha superficie total de máis de 3.500 metros cadrados e avanzar nun novo modelo de vila, ao tempo que se recupera para o desfrute da veciñanza unha zona que levaba anos en estado de abandono e completamente deteriorada. Na zona do colexio o proxecto contempla a construción dun albergue de peregrinos convertendo o espazo nunha praza. Por outra banda rehabilitaranse as vivendas sociais dos mestres como vivendas de alugueiro de baixo custe e reordenar o tráfico e os aparcamentos na medida do posible desta rúa e convertela nunha rúa de prioridade peonil, entre outras cuestións.

Reunión Joaquín Loriga e Principal

O tenente de alcalde tamén anunciou hoxe a convocatoria dunha reunión aberta e participativa sobre o proxecto de rexeneración urbana mediante a construción de pasarelas peonís nas rúas Principal e Joaquín Loriga, incluído, igualmente, na estratexia Lalín Ssuma 21 financiado nun 80% con fondos da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER) no marco do POCS 2014-2020. O encontro é totalmente aberto á cidadanía en xeral, pero ten especial interese a participación dos veciños e veciñas e comerciantes da zona onde se vai acometer a actuación. Terá lugar o mércores, día 14 de xaneiro, ás 20.30 horas, na sala de prensa do concello e vai servir para que as persoas participantes transmitan as súas ideas, propostas e suxestións de cara a redacción deste proxecto que está desenvolvendo a empresa Promove. Casares lembrou que o proxecto Lalín Ssuma 21 ten un gran compoñente participativo, de modo que a opinión da cidadanía sempre se vai ter en conta á hora de executar as actuacións incluídas no programa.

Comentar noticia

Your email address will not be published.