Sindicato Labrego Galego, Frouma e Amigos da Terra denuncian que o mal funcionamento do Consello Forestal exclúe os axentes sociais do sector

O conselleiro de Medio Rural négase a crear unha Mesa dos Lumes para chegar a consensos na política de prevención dos incendios forestais, a pesares de ser un compromiso do director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández Couto
Publicado por o día 28/02/2019 na sección de Amigos da Terra,Política,Sindicato Labrego Galego,Sindicatos

Sindicato Labrego Galego, Frouma e Amigos da Terra denuncian que o mal funcionamento do Consello Forestal exclúe os axentes sociais do sector

Trala celebración da última xuntanza do Consello Forestal, o pasado 19 de febreiro, o Sindicato Labrego Galego, Asociación Frouma e Amigos da Terra queren denunciar, unha vez máis, a exclusión dos axentes do sector á hora de dialogar e traballar para facer políticas forestais de consenso.

Valoramos positivamente os cambios producidos na estrutura da Consellería do Medio Rural en materia de Montes e a vontade da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal de volver a utilizar este órgano como medio de traslado de información do sector. Pero, a pesares desta valoración positiva, cremos que o Consello Forestal é moito máis ca iso e o conselleiro non parece querer afondar nas súas funcións.

Dende a súa creación no 2004 como órgano consultivo e asesor da Administración, o Consello Forestal de Galicia coxeou na súa faceta de ser a “canle de participación dos axentes sectoriais, sociais e científicos para a elaboración e execución de políticas orientadas ó desenvolvemento sustentable”, tal como marca a Conferencia de Nacións Unidas dende o ano 1992. E, nos últimos tempos, converteuse nun instrumento de trámite para xustificar unha consulta pública que, en realidade, non se producía.

No último pleno do Consello Forestal, o conselleiro de Medio Rural aludiu sempre á Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia e aos grupos de expertos creados no Parlamento de Galicia, como única vía de traballo para a elaboración das políticas forestais. Entendemos que a labor política é moi necesaria, pero non o é menos a participación das organizacións sociais e sectoriais que traballamos e vivimos cada día no medio rural.

Concretamente, no aspecto da prevención e defensa contra os incendios forestais, o conselleiro negounos en repetidas ocasións a solicitude de creación dunha Mesa dos Lumes no seo do Consello Forestal, onde poder aportar e debater propostas para avanzar nunha solución a esta problemática do territorio galego, que ten moito que ver coas políticas forestais e do medio rural. Cabe recordar que a creación desta mesa de traballo foi un compromiso adquirido pola Consellería, na figura de Tomás Fernández Couto, na anterior convocatoria do Consello Forestal (18 de abril de 2018), trala polémica xurdida pola tramitación do PLADIGA e a presión das organizacións sociais.

Dende a Xunta de Galicia volven a poñer a política de costas ao pobo, en troques de contar coa experiencia e traballo dos axentes sociais.

Como membros do Consello Forestal de Galicia, e tal como se recolle nas súas funcións, queremos seguir “impulsando o diálogo, participación e colaboración das administracións, institucións, asociacións de propietarios/as e de comunidades de montes veciñais e demais axentes sociais, económicos e ambientalistas implicados no sector forestal e no uso sustentable dos montes galegos, propiciando o intercambio de información, entre todos/as os/as integrantes do Consello, dos temas que sexan obxecto de debate no sector forestal”, pero parece que o PP, de novo, non está pola labor.

O goberno da Xunta de Galicia e o PP seguen sen ter en consideración os axentes sociais representativos do sector forestal do pais. Seguen tendo unha visión dos montes unicamente co fin de producir madeira de mala calidade, deixando de lado a multifuncionalidade e a loita contra o cambio climático. A Consellaría de Medio Rural segue sen dar prioridade á imprescindible xestión sustentable dos montes e ecosistemas forestais de Galicia para conseguir o desenvolvemento económico, ecolóxico e social do conxunto do país.

Por enésima vez solicitaremos que dentro do Consello Forestal, tal e como establece o decreto que o regula, “constituír comisións e grupos de traballo” que integren e desenvolvan as políticas forestais que Galicia precisa.

Comentar noticia

Your email address will not be published.