Singularity University e IESIDE impulsan a creación do SingularityU Galicia Chapter

Singularity University, con sede en Sillicon Valley, é unha comunidade de aprendizaxe e innovación global e está presente en máis de 75 países
Publicado por o día 03/10/2019 na sección de Internet

Singularity University e IESIDE impulsan a creación do SingularityU Galicia Chapter

IESIDE e Singularity University, con sede en Sillicon Valley e un referente mundial nos campos tecnolóxico e de innovación, impulsarán o SingularityU Galicia Chapter, unha entidade que se constitúe a partir de hoxe na nosa comunidade autónoma e que se aliña cos obxectivos fundacionais de Singularity University en Sillicon Valley: formar, inspirar e empoderar as persoas para que utilicen tecnoloxías exponenciais para abordar os grandes retos da humanidade. No caso de SingularityU Galicia Chapter, estas metas compleméntanse, ademais, co compromiso de axudar a mellorar a comunidade tanto dentro como fóra de Galicia e conseguir un impacto real e un cambio no noso territorio. «Singularity University e IESIDE imos constituír como strategic partner o SingularityU Galicia Chapter, un acordo que se anunciará hoxe en California. Foi un traballo arduo e complexo dado que nos constituímos nun dos poucos chapters que teñen a categoría de partners con institucións universitarias dos 178 que hai no mundo. Espero que agora poidamos contribuír desde e para Galicia á creación dun centro de innovación exponencial con impacto europeo da man de ambas as institucións», subliña o reitor presidente de IESIDE e presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet.

O equipo líder do SingularityU Galicia Chapter quedou constituído pola coordinadora xeral de IESIDE, Beatriz Lorenzo Míguez, como Ambassador e os profesores de IESIDE Christian Delgado von Eitzen e Jaime Pérez Martín-Gaitero como Leadership Team Members. SingularityU Galicia Chapter é o único dos sete de toda España, e dos

poucos no mundo, que abrangue o territorio completo dunha comunidade autónoma. Promoverá programas formativos e accións de dinamización, con temáticas e profesionais de talla internacional, para apoiar a innovación, o emprendemento e o impacto social. As actividades están dirixidas a todas aquelas persoas innovadoras, startups, empresas e organizacións públicas e privadas comprometidas coa consolidación de cambios positivos na sociedade mediante a colaboración e o uso de tecnoloxías exponenciais en campos como a intelixencia artificial, a robótica ou a bioloxía dixital. Así, centrarase nas fronteiras entre a sostibilidade e a tecnoloxía, e en como enfoques diversos e inclusivos han de contribuír a cambios exponenciais na educación, o emprendemento e as empresas. O obxectivo é chegar a ser o punto de encontro ao que acuda a sociedade civil, os empresarios, o mundo académico, os emprendedores, as institucións, as ONL, as formacións políticas e calquera persoa ou institución desexosa de contribuír ao avance da humanidade e de ter un lugar para compartir e debater as súas ideas.

Singularity University

Singularity University foi fundada en 2008, da man de Google e da NASA, polo doutor Ray Kurzweil, o seu chancellor, e polo Dr. Peter H. Diamandis, o seu presidente executivo, en Sillicon Valley, co propósito fundamental de educar, inspirar e empoderar os líderes e organizacións mundiais para aplicar as tecnoloxías exponenciais na resolución dos grandes retos aos que se enfronta a humanidade. O proxecto xerou grandes cambios na cultura da aprendizaxe que permearon o sistema universitario americano.

Trátase dunha comunidade de innovación e aprendizaxe global que conta cunha plataforma colaborativa que empodera tanto persoas concretas como organizacións en todo o mundo, animándoas a aprender, conectar e innovar con solucións rompedoras mediante o uso de tecnoloxías aceleradoras, como a intelixencia artificial, robótica ou a bioloxía dixital. Singularity University ofrece tamén, entre moitas outras actividades, programas académicos, cursos e congresos; programas específicos en estratexia empresarial, liderado e de innovación; ou programas de apoio e mellora de startups para a consolidación dun impacto social.

Entre estas iniciativas destacan o Global Solutions Program, patrocinado por Google, que selecciona 80 mozos de entre 3000 candidatos cada ano para formarse en tecnoloxía en Sillicon Valley e traballar xuntos para crear empresas; o Programa Innovation Partnership, en colaboración con Deloitte e Xprize, no que as startups participantes traballan con executivos de Fortune 500 en talleres sobre crowdsourcing, tecnoloxías exponenciais e en como innovar; ou o SULab, un acelerador de startups, onde naceron a empresa Made in Space, que inventou unha impresora 3D adaptada ás limitacións das viaxes espaciais, enviada ao espazo en 2014; Matternet, unha startup que aproveita a tecnoloxía dos avións non tripulados para enviar mercancías a países en desenvolvemento que non teñen infraestruturas terrestres adecuadas; ou BioMine, que utiliza tecnoloxías de minería para extraer valor dos residuos electrónicos.

A comunidade global de SU abrangue tanto empresas, emprendedores, organizacións sen ánimo de lucro, gobernos, investidores ou institucións académicas ao longo de 127 países. Con máis de 5000 iniciativas de impacto, a comunidade da SU está conseguindo cambios positivos en áreas de administración e liderado, saúde, medio ambiente, seguridade, educación, enerxía, alimentación, auga, espazo, resiliencia ante catástrofes, fogar e gobernanza.

Comentar noticia

Your email address will not be published.