SLG e FRUGA presentan unha queixa diante da Valedora do Pobo contra a teima da Xunta en prohibir os mercados alimentarios de proximidade

A maiores, esixen a retirada dunha campaña propagandística da Xunta na que anuncia os supermercados como substitutos das feiras por ser unha burla e unha ofensa para miles de familias labregas ás que se lles prohibe comercializar as súas producións
Publicado por o día 29/04/2020 na sección de Agricultura e Gandería,Alimentación,Emprego,Sindicato Labrego Galego,Sindicatos

SLG e FRUGA presentan unha queixa diante da Valedora do Pobo contra a teima da Xunta en prohibir os mercados alimentarios de proximidade

O Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Federación Rural Galega (FRUGA) veñen de rexistrar hoxe, 29 de abril, unha queixa diante da Valedora do Pobo (achégase documento xunto con este comunicado) para tentar resolver, dunha vez por todas, o grave problema que supón para miles de familias labregas manter prohibidos os mercados alimentarios de proximidade.

Estamos fartos e fartas de que as diversas administracións se pasen a pelota unhas a outras sen que ningunha exerza as súas competencias nesta cuestión, mentres vemos con abraio como outras comunidades autónomas -como Euskadi, Cataluña, Navarra ou Baleares- regulan e autorizan este tipo de mercados. E poden facelo porque, tal e como argumenta o gabinete xurídico que redactou a queixa dirixida á Valedora do Pobo, non hai ningún artigo nin decreto que prohiba os mercados alimentarios de proximidade, e si varios que obrigan a garantir a libre circulación e comercio de bens de primeira necesidade como os alimentos.

A pinga que vén de colmar o vaso é o spot propagandístico que fixo público a Xunta de Galicia no que se promoven as grandes superficies comerciais como substitutas das feiras e feiróns tradicionais. Trátase de toda unha declaración de intencións xa que, se existise algunha vontade por parte da Xunta de reabrir os mercados de proximidade, poderíanse ter aforrado a realización desta campaña.

Actualmente, existen datos económicos que demostran que o réxime de oligopolio co que se están a ver beneficiadas as grandes distribuidoras -ao prohibirse os mercados de proximidade e ignorar o pequeno comercio- se está a traducir nunhas condicións de compra leoninas. Que a venda de hortalizas se disparase un 44% durante a crise, ao tempo que os prezos en orixe caeron un 77%, ilustra perfectamente como se está a favorecer arbitrariamente á parte máis forte da cadea de valor en detrimento dos labregos e das labregas.

Por iso, entre outros quince requirimentos, pedímoslle á Valedora do Pobo que “inste á Presidencia da Xunta para que dea as pertinentes ordes e dite as pertinentes normas ou instrucións para que se repoña a normalidade nos mercados de alimentos locais ou de proximidade non sedentarios, de modo que se permita celebralos con carácter inmediato para rematar coa discriminación que sufrimos na Galiza a este respecto”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.