Só hai 3 prazas de residencia por cada 100 maiores de 65 anos, o 80% privadas

A CIG lanza unha campaña de recollida de sinaturas en demanda de melloras na atención á dependencia
Publicado por o día 11/12/2018 na sección de Galicia,CIG,Sindicatos,Vigo

Só hai 3 prazas de residencia por cada 100 maiores de 65 anos, o 80% privadas

A CIG vén de pór en marcha unha campaña de recollida de sinaturas para exixirlle á Xunta melloras na atención á dependencia. Os datos recollidos no “Informe sobre a situación da atención á dependencia en Galiza” (que se adxunta), elaborado polo Gabinete de Economía da CIG, así o constatan: faltan prazas de residencia e centros de día públicos; hai un grave atraso na concesión das prestacións e escaseza de recursos destinados a garantir unha vida digna para as persoas dependentes.

O Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG vén denunciando desde hai tempo que os orzamentos que a Xunta aproba anualmente son insuficientes para abordar as graves carencias existentes en dependencia e atención a persoas maiores.

– Máis de 1500 persoas das que teñen solicitado o recoñecemento do grao de dependencia seguen agardando por unha resolución

– Das máis de 67.000 persoas que teñen recoñecido o grao e a prestación de servizos, aínda perto de 12.000 seguen sen obter a prestación da que son beneficiarias.

– Segundo os datos recollidos polo IGE, no 2017, máis de 29.000 persoas necesitaban e non recibían axuda a domicilio, mentres que superaban as 12.000 as que precisando atención en centro de día, non a estaban a recibir.

– Só 86 dos 313 concellos galegos contan cun centro de día público (15 deles de titularidade municipal), cun total de 3222 prazas. E sumando as prazas públicas e as de centros privados, fan un total de 8000 prazas, cando o número de persoas dependentes na actualidade supera as 117.000, algo que dá conta da escaseza de medios en xeral, e de titularidade pública en particular, que padece Galiza.

– O mesmo sucede coas residencias para persoas maiores ou dependentes, das que só un 25% son de titularidade pública, e igualmente o número total de prazas entre pública e privada (3 por cada 100 persoas maiores de 65 anos), non cobre as necesidades nese aspecto.

Por iso a CIG exixe cambios nas políticas de atención á dependencia, e que se poñan en marcha as accións necesarias para garantir unha atención adecuada a través dunha rede pública de recursos, cun acceso equitativo, de xeito que todas as galegas e galegos vexan cumprido o seu dereito a unha vida digna cando as súas circunstancias lles impiden poder facelo autonomamente.

  • Sobre a valoración e o recoñecemento da dependencia:
    • Redución de prazos dos trámites e resolucións do proceso de valoración e recoñecemento da dependencia. Axilización dos trámites burocráticos.
    • Para iso é necesario consolidar e estabilizar as actuais equipas de valoración da dependencia, aumentar o número de equipas e tamén o persoal desas equipas.
    • Estabelecemento de prazos para revisión da valoración do grao. Inicio de oficio pola Administración, que non teñan que ser as persoas dependentes as que fagan a solicitude de revisión. Cando unha persoa é dependente, e sobre todo cando esa dependencia se debe a certas patoloxías, o grao de dependencia pode aumentar rapidamente do I ao II ou ao III, cómpre axilizar os procesos de revisión.
  • En canto ás prestacións:
    • Priorizar a prestación de servizos a través de medios públicos por riba da económica.
    • Eliminación dos copagamentos nas prestacións.
    • Aumentar os recursos públicos de atención á dependencia: residencias, centros de día, axuda no fogar, programa xantar na casa, transporte adaptado… e integralos nun único ente público de servizos sociais:
      • Aumento do número de prazas para persoas dependentes en Residencias públicas ata acadar a ratio recomendada pola OMS (5 prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos)
      • Incremento nas prazas de Centros de Día públicos. Construción dun centro de día público con prazas suficientes (ou aumento das prazas onde xa exista) en cada concello con máis de 1000 habitantes.
      • Mellora do servizo de Axuda no Fogar, mellorando tamén as condicións laborais da persoas que o prestan, na súa maioría mulleres. Reversión do servizo á administración autonómica, coa súa integración no Consorcio Galego de Servizos de Benestar e Igualdade.
      • Incremento das partidas orzamentarias para o programa Xantar na Casa, para chegar a un maior número de persoas.
    • En canto ao financiamento:
      • Aumentar os orzamentos destinados a dependencia para abordar todas as melloras necesarias en canto ao recoñecemento e, sobre todo, en canto ás prestacións.
      • Dotar orzamentariamente de xeito adecuado as partidas para os plans de promoción da autonomía persoal e de envellecemento activo.