Sobre a proliferación de campionatos de caza de raposo

Publicado por o día 09/01/2019 na sección de Sociedade Galega de Historia Natural,Medio Ambiente,Social

Sobre a proliferación de campionatos de caza de raposo

A Sociedade Galega de Historia Natural diante das anunciados “campionatos” da caza do raposo a desenvolver dende o 12 e xaneiro ó 2 de febreiro nun número de sete ó longo da xeografía galega acordou manifestar o rexeitamento de tales “campionatos” e presentar un escrito de protesta diante da Consellería de Medio Ambiente pola vulneración da lei de caza galega. Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia.

Segundo esta lei, no seu artigo 1. Obxecto e finalidade, indica “Esta lei ten por obxecto regular o exercicio da caza na Comunidade Autónoma de Galicia coa finalidade de protexer, conservar, fomentar e aproveitar ordenadamente os seus recursos cinexéticos de xeito compatible co equilibrio natural e cos distintos intereses afectados”

A celebración indiscriminada destas actuacións en nada fomentan os recursos cinexéticos e o medio natural. Ata onde lle consta á SGHN a Xunta carece de datos propios que avalíen as densidades dos raposos tanto a nivel local como a nivel global galego. Neste senso a SGHN solicitou á Xunta información sobre este extremo, que estudos ten desenvolvido, de que ano, autores e tendencia das poboacións desta especie.

SGHN destacou á administración o papel sanitario desta especie, controlando as poboacións de pequenos vertebrados, que poden ser prexudiciais para o ser humano e axudando a manter o equilibrio ecolóxico, e eliminando restos de animais mortos que poden resultar focos de enfermidades para a fauna silvestre.

Non menos importante resulta a parte ética dunha caza, presuntamente deportiva, que simplemente é matar, por matar sen ningún tipo de aproveitamento, pois a diferencia doutras especies, o raposo non ten interese culinario. Non se pode entender como deporte unha actividade que con leve a morte gratuíta de calquera especie e que ademais incide negativamente no equilibrio ecolóxico e indirectamente na saúde das persoas.

A Sociedade Galega de Historia Natural tamén laiase profundamente que, a pesares das queixas do persoal da Xunta, da sociedade galega e os xestores deste Consellería sobre a limitación de recursos económicos, a Xunta subvencione con cartos públicos esta actividade, o que figura nos cartaces publicitarios destas actividades.