A Sociedade Internacional de Mecánica de Rochas premia unha investigación realizada na EE de Minas e Enerxía

Cun accésit á tese de doutoramento do investigador Javier Arzúa
Publicado por o día 07/11/2017 na sección de Universidade de Vigo

A Sociedade Internacional de Mecánica de Rochas premia unha investigación realizada na EE de Minas e Enerxía

A Sociedade Internacional de Mecánica de Rochas -ISRM, polas súas siglas en inglés- que vincula a máis de 5000 socios espallados por 46 países diferentes, outorga por primeira vez un accésit dos seus premios anuais a un investigador español. Trátase de Javier Arzúa, da Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía, autor dunha tese de doutoramento sobre o comportamento post-rotura de rochas e macizos logo da súa manipulación; unha investigación que converxe co obxectivo de fomento e difusión, que defende esta sociedade internacional.

A ISRM ten como un dos seus labores prioritarios o progreso do coñecemento no eido da mecánica de rochas; precisamente por isto, o carácter novidoso da investigación de Arzúa representou un dos factores clave á hora de distinguir o seu traballo. “No ámbito académico, o recoñecemento do labor realizado sempre é unha gratificación e un pulo para seguir, a pesar das dificultades que conleva ser investigador pertencente a unha universidade nestes tempos”, asegura o premiado, quen , ademais, dedícalle unhas verbas de agradecemento ao seu director de tese, o profesor Leandro Alejano, pola súa colaboración necesaria para que a investigación alcanzara o nivel acadado.

O éxito do seu traballo localízase na aplicación práctica dos resultados obtidos. De feito, Javier Arzúa explica que “a comunidade internacional da mecánica de rochas precisa coñecer, cada vez máis, o mellor posible este comportamento, pois é clave para acadar o obxectivo da simulación numérica, que non é outro que comprender o que pode ocorrer nun macizo rochoso á escala da obra”. Esta utilidade probarase, por exemplo, segundo indica o autor, na escavación dun túnel; na que será imprescindible determinar a extensión do dano da rocha ocasionado, logo da súa manipulación, para garantir a idoneidade e capacidade de sostemento.

Laboratorio especializado nunha disciplina con múltiples aplicacións

Pola súa banda, o director da tese, Leandro Alejano, valora o traballo realizado polo seu alumno, que para el representa “un exemplo máis da forza de sociedade galega e do que pode acadar a nosa Universidade atopando o seu lugar nas máis avanzadas fronteiras do coñecemento”, ademais, sendo consciente de que o camiñar dos investigadores e investigadoras non sempre é doado, Alejano insiste en que “o éxito so é posible se nos fan doado acadar os medios necesarios e non se forza aos investigadores a realizar traballos administrativos”.

O profesor recoñece que, cando entrou no corpo docente da Universidade, xa percibiu como necesario o avance na disciplina da mecánica de rochas, posto que “no desenvolvemento dos países avanzados cada día ten máis importancia nas súas aplicación na minería, na enxeñaría civil e do petróleo e na avaliación de riscos xeolóxicos” e, asemade, salienta a oportunidade de crear un laboratorio especializado nesta materia na Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía, un factor esencial á hora de obter resultados e garantir o éxito das investigacións como a de Javier Arzúa.

Con todo, Alejano reitera a cooperación necesaria do resto dos entes sociais para seguir apostando pola investigación científica e pide que “os dirixentes actuais dinamicen as relacións coa empresa privada, e non limiten a investigación á subvención estatalista en ciencias básicas”.