‘Sold out’ de Jorge Drexler en Voices 2018

O artista uruguayo actuará no Pazo da Cultura de Pontevedra o sábado 20 de xaneiro, ás 21.00 horas, dentro da xira de presentación do seu último álbum, o número 13 da súa carreira, baixo o título Salvavidas de hielo, que foi gravado en Madrid e Cidade de México.
Por o 11/01/2018 | Sección: Cultura,Eventos,Galicia,Pontevedra
‘Sold out’ de Jorge Drexler en Voices 2018

Jorge Drexler abrirá o sábado 20 de xaneiro a segunda edición do Ciclo Voices 2018 no Pazo da Cultura de Pontevedra. O creador de temas tan míticos como Al otro lado del río y Universos Paralelos presentará o seu novo álbum Salvavidas de hielo, publicado en setembro de 2017. As entradas para o concerto están xa esgotadas. O artista uruguayo achegará ao público pontevedrés, ás 21.00 horas, o seu traballo número 13, un disco cheo de ritmo, de experimentación, de melodías e, sobre todo, de grandes cancións. Todo o que soa no álbum (agás as voces) foi gravado integramente con guitarras de todo tipo, para compoñer un son cálido, rítmico e atractivo.

En cada tema escoitaremos unha catarata de percusións, baterías, loops e sintetizadores… aínda que todos foron creados coa guitarra e os seus materiais. As cordas, a caixa de madeira, a pel dun banjo, o metal dun dobro. Os múltiples elementos que proceden deste instrumento musical formaron unha gran banda neste novo proxecto musical de Jorge Drexler. Para a gravación do disco, que se realizou en Cidade de México e Madrid, Jorge Drexler contou con tres artistas invitadas de excepción: Mon Laferte en Asilo, Natalia Lafourcade en Salvavidas de hielo e Julieta Venegas en Abracadabras.

A historia de Drexler xurde a base de ritmos e poesía, de cumbias e tangos, de candombes e zambas, de jazz, rock e bossa nova, de música popular brasileira e de salsa caribeña, pero tamén de rap e de electrónica, cunha inventiva musical en permanente crecemento e unha alta densidade poética que o sitúan entre os mellores compositores en lingua española. Premios como os Oscar e os Goya, nominacións nos Grammy Awards e nos Latin Grammy, discos de Ouro e Platino e xiras americanas e europeas de éxito son o recoñecemento da súa inaudita calidade artística e a súa sensibilidade popular.

Un total de13 discos editados desde 1992 falan por si mesmos da calidade do uruguayo Jorge Drexler. Xa sea en grupo ou só cunha guitarra, instrumento que manexa con absoluta eficiencia, o artista é un celebrado contador de historias. Coa palabra e a mirada como elementos centrais, as súas cancións poderían ser contadas con guitarra, baixo, violonchelo, violín, batería, teclados e disc-jockey, mostrando unha gran riqueza de arranxos e matices, ou ben caer espidas en escena tan só protexidas pola súa guitarra, a súa estupenda voz e ese aire de boa persoa que emana.

O CICLO VOICES 2018. Fiel a súa aposta por consolidarse como un referente no eido da programación cultural galega, a cidade de Pontevedra brindará aos seus públicos, por segundo ano consecutivo, a posibilidade de gozar cos mellores directos musicais da man do ciclo Voices 2018. A programación cultural da cidade, sempre baixo o prisma da calidade e da diversidade artística que veñen caracterizando a súa ampla oferta, medra un ano máis para achegar a Pontevedra algunhas das mellores voces do panorama internacional. A expectación está servida tras a primeira edición celebrada en 2017, que acadou grandes aplausos do público e da crítica, con cheos absolutos nalgúns dos seus directos.

O ciclo Voices afrontará a súa segunda edición en 2018 coa fin de recoller os sons máis salientables do panorama musical actual -desde os máis clásicos aos máis vangardistas-, con figuras de recoñecido prestixio internacional. Voices apostará un ano máis polas sonoridades do mundo, sen atender a estilos nin a modas, coa fin de apostar pola calidade musical como valor principal da súa programación. Soul, rock, indie, world music e jazz, entre outros estilos musicais, atoparán o seu espazo nesta cita musical imprescindible que busca asentarse como un referente non só en Galicia, senón tamén en todo o norte peninsular.

O primeiro artista confirmado dentro do seu cartaz é Jorge Drexler, que actuará o sábado 20 de xaneiro, ás 21.00h, no Pazo da Cultura. Ademais, o sábado 27 de outubro, Voices acollerá a única data confirmada en España de Birkin Gainsbourg The Symphonic, toda unha homenaxe ao compositor máis celebrado de Francia, Serge Gainsbourg, en mans da delicada e melodiosa voz de quen fose a súa parella, Jane Birkin.

Birkin conta coa colaboración do compositor e pianista xaponés Nobuyuki Nakajima e, en Pontevedra, estará tamén acompañada pola Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, baixo a batuta do director Javier Viceiro-Filgueira. A singularidade do ciclo verase tamén marcada nesta segunda edición polo seu interese en programar voces de referencia con moito que dicir máis aló das táboas dun escenario. Deste xeito, Voices programará encontros, charlas, cafés e outras actividades para descubrir as inquedanzas, valores e proxectos dos artistas que en 2018 locen no seu cartel.

 

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.