Solicitan a designación de Zona Vulnerables aos Nitratos para a comarca da Limia

Ecoloxistas en Acción demanda á Xunta que declare a comarca da Limia como Zona Vulnerable aos Nitratos (ZVN) e estableza unha moratoria á concesión de autorizacións gandeiras intensivas. Solicitan ademais a implicación da Confederación Hidrográfica do Miño Sil.
Publicado por o día 31/01/2021 na sección de Galicia,Ecologistas en Acción,Medio Ambiente,Social

Ecoloxistas en Acción sinala que son varias as entidades ecoloxistas as que nos últimos 10 anos veñen tramitando denuncias dirixidas a diferentes administracións públicas, alertando da saturación de explotacións gandeiras industriais na cabeceira do río Limia o que provoca efectos sinérxicos e acumulativos na chaira limiá, área moi sensible dende os puntos de vista hidrolóxico, botánico e faunístico.

Ecoloxistas en Acción denuncia que, segundo os datos recollidos polas estacións da rede Integrada de Calidade das Aguas e do Sistema Automático de Información de Calidade das Aguas, conclúese que a calidade química das augas na chaira limiá non é aceptable de acordo coas directrices marcadas en distintas directivas europeas. Os resultados oficiais da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil sobre os niveis de nitratos disoltos nas augas subterráneas indican que, nalgúns dos puntos da mostraxe, acadouse unha concentración escandalosa de nitratos disoltos: 174 mg/l, tres veces e media por enriba do límite legal para augas potables.

Ante este tipo de situacións, a Comisión Europea avalía, cada catro anos, o cumprimento das obrigacións que se desprenden do artigo 3, apartado 4, e do artigo 5, apartados 4, 5 e 6, da Directiva 91/676/CEE do Consello, do 12 de decembro de 1991, relativa á protección das augas contra a contaminación producida por nitratos utilizados na agricultura emitindo, a posteriori, un Dictame motivado dirixido ao Estado membro incumpridor.

O Dictame motivado enviado ao Estado membro español[2] considerou que España non adoptara as medidas necesarias para cumprir as obrigacións que lle incumben derivadas da Directiva, no que se refire a Galicia, entre outras autonomías.
O 3 de xullo de 2015, a Comisión puxo en marcha unha investigación para supervisar a designación de zonas vulnerables aos nitratos (ZVN) e as medidas previstas nos correspondentes Programas de Acción. A investigación iniciouse tras avaliar a información presentada por España en relación co período 2008-2011 con arranxo ao artigo 10 da Directiva 91/676/CEE do Consello.

A investigación destacou o descenso dos puntos de control de augas, superficiais e subterráneas, e detectando puntos de control de augas superficiais en estado trófico superior (é dicir, que a auga é eutrófica ou hipertrófica). O panorama da calidade da auga e a avaliación das principais medidas dos Programas de Acción das Autonomías puxeron de manifesto a necesidade de accións reforzadas para reducir e previr a contaminación por nitratos.

No caso do territorio da demarcación Miño-Sil, cando as estacións rexistraron niveis de concentración de nitratos por enriba dos valores mencionados no artigo 6, apartado 1, letra b), as autoridades estableceron puntos de control alternativos que lles permiten supervisar a eficacia dos seus programas de acción.

En canto á designación de ZVN estas deben revisarse ou engadirse designacións novas cada catro anos. Sen embargo, relativo a Galicia o Dictáme recolle o seguinte: “No que se refire á comunidade autónoma de Galicia, que ata o de agora non designou ningunha ZVN, están a levarse a cabo novas avaliacións das augas afectadas por se fose necesario adoptar unha designación con respecto ao encoro de As Conchas, que mostra niveis significativos de eutrofia”.

Ecoloxistas en Acción denuncia que, a pesar das distintas mostraxes e analíticas evidenciadas por varias fontes, incluido o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), a comunidade autónoma galega non ten designada a comarca da Limia como ZVN dando cumprimento á Directiva 91/676/CEE do Consello, do 12 de decembro de 1991 e continúa mantendo vixente a seguinte resolución do ano 2000.

A organización ecoloxista sinala que o desleixo do goberno galego é máis grave se cabe ao situarse na parte ourensá da conca do río Limia hai un Parque Natural, dúas ZEPAs, a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gêres-Xurés e dous LICs, competencia da Xunta de Galicia.

[1]Informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil solicitado pola Sociedade Galega de Historia Natural con data 16/09/2018 sobre as analíticas de augas subterráneas de todos os puntos de control dispoñibles na chaira limiá
[2]Bruselas, 2.7.2020 2018/2250 C(2020) 3783 final