Solicitan ao goberno que adopte o criterio de Europa para o rexistro de secuestradores de CO2

A Dirección Xeral da Acción Climática da Unión Europea acepta as demandas da Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) e inclúe as terras forestais xestionadas no rexistro de secuestradores de CO2 para os periodos 2021/2025 e 2026/2030.

O goberno español promulgou o decreto “Creación  do rexistro de pegada de carbono, compensación e proxectos de captura de CO2” mediante o cal as empresas contaminantes poderán seguir contaminado se mercan bonos de captura de C02 para compensar o seu exceso de emisións de gases de efecto invernadoiro. A Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) sinala que este decreto é negativo para o monte e para o rural galego.

A ORGACCMM denuncia que as únicas masas forestais que poderán acollerse actualmente ao rexistro son as masas provintes dun cambio de uso do terreo ou as plantadas nun monte arrasado polo lume. Deste xeito o decreto está fomentando a regresión de terras agrarias e agrícolas a terreo forestal cando Galiza é o pais de Unión Europea con menos superficie util agraria. Non menos perigoso é que se bonifique o negocio do lume podéndose rexistrar os terreos queimados en reforestación para vender no mercado aberto polo decreto o seu volumen de captura de C02. Pola contra, quedan fóra do rexistro de captura de CO2 e por tanto dos bonos de compensación as masas forestais xestionadas e as derivadas das plantacions en terras forestais.

A Organización Galega de comunidades de montes  manifestouse en contra deste decreto enviando senllos escritos á Oficina Española do Cambio Climático e a Direción Xeral de Acción Climática da Unión Europea. En ámbolos dous escritos reclámase que se tipifiquen como secuestradores de C02 as plantacions e as repoboacions  en terreos forestais. O organismo dependente do goberno central non respondeu, pero si o fixo a Direción Xeral de Acción Climática da Unión Europea.

A ORGACCMM sinala que a Direción Xeral de Acción Climática da Unión Europea enmendou o erro do decreto español e na sua última reunión acordou que para os periodos 2021/2025 e 2026/2030 as terras forestais xestionadas e as terras que sendo forestais permanezan como tales tamén sexan incluidas no catálogo de secuestradores de C02.

A Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) esixe ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico que adote sen demora os criterios desta directiva da Unión Europea. A Organización Galega sinala que co cambio de criterio se beneficiaran as comunidades de montes galegas que están xestionando axeitadamente a súa masa forestal e se incentivarán as repoboacións tan necesarias para neutralizar as emisións de gases de efecto invernadoiro e contribuir na loita contra o cambio climático.

Nado en Vigo hai 38 anos. Fotógrafo, activista defensor dos dereitos humanos e ambientais. Buscando que se recoñeza e respecte os patrimonios da cidade de Vigo.

SIGUENOS EN TELEGRAM