Solicitudes para unha Residencia de maiores e unha Escola de danza súmanse a unha demanda constante de licenzas urbanísticas

A pesares da pandemia, no primeiro semestre contabilízanse 593 solicitudes relacionadas coa comunicación previa de obra, licenzas de obra, de acondicionamento, de primeira ocupación e de apertura
Publicado por o día 12/08/2020 na sección de Galicia,Pontevedra

Solicitudes para unha Residencia de maiores e unha Escola de danza súmanse a unha demanda constante de licenzas urbanísticas

O concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, fixo esta mañá un balance do volume de solicitudes urbanísticas no primeiro semestre do ano, prestando especial atención á situación xurdida por mor do estado de alarma entre os meses de marzo e maio. “Nun ano que a priori parecía complicado para a actividade urbanística, vendo os datos recollidos no primeiro semestre, aos que hai que engadirlle tres solicitudes de máis envergadura nos dous últimos meses, non se aprecia ningún descenso en canto a solicitudes” asegurou o concelleiro.

Segundo os datos aportados polos servizos técnicos municipais, entre xaneiro e xuño deste exercicio, contabilizáronse un total de 593 solicitudes correspondentes a trámites tales como comunicacións previas de obra, licenzas de obra menor, licenzas de obra maior, licenzas de primeira ocupación, licenzas de acondicionamento de locais, e comunicacións de apertura. Un volume de solicitudes que, segundo explicou Moreda, se sitúa en parámetros similares aos de anos anteriores.

Xaquín Moreda tamén aproveitou para informar que nos dous últimos meses foron presentadas no Concello tres solicitudes de obra para “edificios e equipamentos de gran envergadura”. Trátase da solicitude de obra para a construción dun edificio de 100 vivendas na rúa Eduardo Pondal; a solicitude de obra para a construción dunha Residencia para persoas maiores, de carácter privado, no barrio da Parda (fronte á escola infantil); e a solicitude de licenza de obra para a rehabilitación do antigo Liceo Casino de Estribela para destinalo a un Centro de Ensinanza Superior de Danza.

Con respecto a estes equipamentos, Moreda indicou que “de saír adiante, suporían un importante dinamismo na economía local”. No caso concreto da solicitude para o Centro de Ensinanza Superior de Danza asegurou que “tamén podemos facer unha lectura sobre o dinamismo social, cultural e creativo que ten neste momento o Concello de Pontevedra, que se fai atractivo para a instalación deste tipo de equipamentos”.

Tras o balance relativo ao primeiro semestre, o concelleiro asegurou que “agora o que haberá que ver é se no segundo semestre do ano se mantén este volume de solicitudes para facer unha lectura máis equilibrada da situación, pero estamos esperanzados de que se manteña esta dinámica”.

Nº solicitudes e tipoloxía:

• Solicitudes de comunicación previa para obras menores: 407
• Solicitudes de licenza de obra menor: 72
• Solicitudes de licenza de obra maior: 23
• Vivendas: 9
• Rehabilitación: 3
• Modificación de edificios: 2
• Cambio de baixo a garaxe: 4
• Piscinas: 2
• Ascensores: 2
• Sondaxe: 1
• Solicitude de licenzas de 1ª ocupación : 8
• Solicitude de licenzas de obra de acondicionamento de locais: 48
• Solicitude de licenzas de comunicación de apertura: 35

Comentar noticia

Your email address will not be published.