Solidariedade coas mulleres kurdas

A Marcha Mundial das Mulleres convoca para o 9 de xaneiro ás 20:00h diante do Marco en Vigo, unha concentración en solidariedade coa loita das mulleres kurdas.
Por o 03/01/2018 | Sección: Colectivos Feministas,Eventos,Social
Solidariedade coas mulleres kurdas

Conmemoramos neste acto o asasinato de tres activistas kurdas en París. O de 9 de xaneiro de 2013 foron asasinadas no centro de información do Kurdistán de París: Sakine Cansiz, cofundadora do Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK), Fidan Dogan, membro do Congreso Nacional do Kurdistán, e Leyla Soylemez, activista kurda. Todos os indicios indican que estes asasinatos foron artellados polo servizo secreto Turco (MIT). Coa morte do presunto asasino, o xuízo destas mortes foi finalmente arquivado, sen ter en conta os intereses agochados tras a man executora. O goberno francés négase a facer pública información secreta que podería facer progresar a investigación, sendo claramente cómplice do goberno Turco.

Tamén lembramos os asasinatos máis recentes, do 5 de xaneiro de 2016, de Seve Demir, organizadora da posta en marcha da Caravana Feminista para a IV Acción Internacional da Marcha Mundial das Mulleres en Nusaybin e membra do Partido Democrático das Rexións (BDP), Pakize Nayir, vicepresidenta da Asamblea Popular de Silopi, e Fatma Uyar, activista da Unión de Liberación das Mulleres.

O pobo kurdo é o maior grupo étnico do mundo sen un estado que poidan chamar propio. Calcúlase que perto do 50% vive en Turquía. Este pobo leva moitos anos loitando polos seus
dereitos e polo recoñecemento do seu territorio, fronte a represión e violencia dos estados próximos. No caso de Turquía, dende o 2015, os ataques e bombardeos contra os territorios kurdos intensificáronse cunha sangría continua de civís e membros do PKK.

O goberno turco escúdase no estado de emerxencia decretado tras o golpe de estado fallido do 2016, para aprobar medidas cada vez máis autoritarias e lesivas de dereitos fundamentais contra a oposición, movementos sociais e pobo kurdo. No 2017, Coa recente reforma da constitución turca estableceuse un réxime presidencialista que outorga cada vez máis poder a un goberno desexoso de eliminar toda discrepancia. Baixo a acusación de terroristas, detivo ou despediu a centos de persoas do profesorado por asinar un manifesto en contra das políticas contra o pobo kurdo. Está pechando medios de comunicación e detendo a xornalistas que critican a súa xestión. Nos territorios kurdos, interviu decenas de alcaldías, detendo e xulgando a representantes locais que se elixiron democraticamente e vulnera todo tipo de dereitos con detencións, torturas e ameazas. Escudándose nas acusacións de terrorismo, no 2016 levantou a inmunidade parlamentaria de 138 deputadas/os do Parlamento Turco, entre estas/es, a Figen Yüksekdag e Selahattin Demirtas, líderes do partido prokurdo e de esquerdas HDP, terceiro en votos en Turquía. Consecuencia disto, privaron do seu escano Figen Yüksekdag e endadearon a Selahattin Demirtas, que se enfronta á petición de 142 anos de cadea.

Tamén cómpre denunciar a persecución de persoas opositoras incluso fora de Turquía coa complicidade de gobernos europeos. Hai pouco o goberno español mantivo encadeados, como resposta a unha orde internacional de extradición da Interpol emitida por Turquía a dous escritores (Dogan Akhanli e Hamza Yalçin) acusados de terrorismo, cando o seu único “delito” era ser críticos co goberno turco.

Toda a impunidade da que goza o goberno turco e a complicidade dos gobernos europeos con estes atropelos contra os dereitos humanos, explícanse en base ao “acordo da vergoña” asinado entre Turquía e a Unión Europea, segundo o cal, a cambio de cuantiosos ingresos, Turquía accede a facer de barreira contra as mareas de persoas refuxiadas que foxen da guerra, das persecucións e da fame. Esta política contra as persoas refuxiadas tamén a denunciamos activamente, xa que Europa nin sequera cumpriu as míseras cifras de acollida de persoas refuxiadas as que se comprometera, mentres milleiros de persoas fican masificadas en campos en condicións infrahumanas agardando unha saída.

Nestes anos, púxose o foco de atención nas mulleres kurdas como exemplo de autodefensa e de loita pola liberación e organización do seu pobo, sendo figuras protagonistas xunto aos homes. O YPJ (Unidade Feminina de Protección) integrado no brazo armado do PYD , e afiliado ao PKK, loitou contra a barbarie do ISIS en Rojava. No pobo kurdo as mulleres ocupan posicións políticas e son activas nas organizacións sociais e económicas, construíndo unha sociedade igualitaria. Polo tanto, porque queremos transmitirlle todo o noso apoio ás compañeiras kurdas e turcas, porque non toleramos que se silencie a represión e sufrimento do pobo kurdo e porque consideramos que a Unión Europea é cómplice das vulneracións de dereitos do goberno turco:

Seguiremos en marcha até que todas sexamos libres, Marcha Mundial das Mulleres.

Nado en Vigo hai 36 anos. Nacionalista Galego, Fotógrafo, activista defensor dos dereitos humanos e ambientais. Buscando que se recoñeza e respecte os patrimonios da cidade de Vigo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.