SOMBRAS NO ENSANCHE, percorrido literario guiado pola autora da novela, Clara do Roxo

Este é o novo percorrido literario que realizarase vindeiro 24 de marzo, sábado, con saída dende “Detrás do Marco” ás 11.00 h.O percorrido será guiado pola autora da novela, Clara do Roxo, e permitirá que nos acheguemos a esta zona da nosa cidade, ao seu desenvolvemento e actualidade, a través das aventuras do mozo que protagoniza a historia.
Por o 19/03/2018 | Sección: Concello de Vigo,Galicia,Vigo
SOMBRAS NO ENSANCHE, percorrido literario guiado pola autora da novela, Clara do Roxo
Compartir en:

Novela que forma parte das historias que baixo o título de “Historias para coñecermos Vigo” foron publicadas no pasado ano pola editorial Elvira baixo a coordinación da asociación Catro Patacos.

Para participar nesta actividade cómpre INSCRIBIRSE, a partir do vindeiro luns, día 19, en horario de 09.00 a 14.30 h no teléfono 986810281.

O percorrido durará aproximadamente 2 horas e media, polo que se aconsella levar calzado cómodo, e pasará polos seguintes puntos: Saída dende “Detrás do MARCO” na rúa Londres, Príncipe-Porta do Sol, baixada pola rúa de Carral, Alameda, rúa do Areal ata o edificio Bonín, subida pola rúa do Porto ata o edificio Curvera en García Barbón, subida á rúa de Uruguai polas escaleiras de Santiago de Vigo, subida por República Arxentina ata o edificio Polar en Urzaiz, baixada por Colón ata Marqués de Valladares, subida por Reconquista ata Policarpo Sanz e rematará na Porta do Sol.

A novela Sombras no Ensanche discorre por rúas e edificios desta zona viguesa, hoxe centro de negocios e comercial, símbolo de postmodernidade e globalización. A autora, ademais de ambientar a súa historia nesta zona da cidade, trasládanos a un tempo futuro, pode que non moi afastado, que describe e anticipa onde nos pode levar o modelo de sociedade que estamos a construír. Os recordos da súa familia farán que Xocas, un adolescente sobranceiro en matemáticas, loite por saír adiante nunha contorna hostil nun Vigo tomado e controlado, onde o ensanche e os seus edificios e museos son os escenarios da trama.

Ensanche de Vigo: O derrubamento da muralla do centro histórico no ano 1861 marca o comezo dunha nova cidade. Poucos anos máis tarde, proxéctase o Ensanche de Nova Poboación. O novo plan urbanístico principia un modelo de cidade pensado pola burguesía local, que comezaba a ter unha influencia destacada na sociedade viguesa.

Esta burguesía industrial, non ilustrada pero fachendosa e cosmopolita, encargoulles construír edificios aos máis prestixiosos arquitectos da cidade, para que reflectisen o seu status e o seu gusto polas correntes artísticas europeas como símbolo de modernidade.

Os diferentes ensanches de Vigo, dende finais do século XIX ata metade do século XX, unha vez esquecido o tranvía, representan un legado cultural que se debe poñer en valor, non só pola calidade estética, senón tamén porque representan un xeito de entender a cidade, de antepoñer o traballo ben feito fronte a obxectivos máis lucrativos.