Somos Maioría lamenta que no se lograse unha candidatura de unidade popular e cidadá

Publicado por o día 09/03/2015 na sección de Política

Somos Maioría lamenta que no se lograse unha candidatura de unidade popular e cidadá

Ante a falta de acordo entre as distintas plataformas e iniciativas municipais, SOMOS MAIORÍA quere manifestar a súa posición política respecto da falta de acordo e consenso entre os diferentes actores despregados sobre o taboleiro olívico.

Non se logrou a unidade e por iso non haberá candidatura de Unidade Popular e Cidadá en Vigo. Esa candidatura unitaria significaba a posibilidade de abrir unha nova vía de acción política que podería favorecer o cambio en Vigo.
Non haberá candidatura unitaria e o voto de oposición vai fragmentarse entre distintas alternativas: Marea de Vigo, Gañemos Vigo, Vigo en Común,…

A posibilidade dunha Candidatura de Unidade Popular e Cidadá esfúmase e tamén esváese a posibilidade de acabar con anos de estafa nos que determinadas elites dedicáronse ao saqueo das institucións públicas coa conivencia de determinados políticos deshonestos. A pasividade e incapacidade das distintas plataformas cidadás para conseguir a unidade de acción suporá deixar a institución municipal en mans dos seus actuais xestores.

Somos Maioría lamenta a incapacidade dos distintos protagonistas para entenderse e chegar a uns acordos mínimos. Nun momento de emerxencia social en que sería fundamental o entendemento, porén non se logrou ese consenso mínimo.

Pensamos que todos somos responsábeis desta desavinza entre as distintas plataformas. Entendemos que estamos facilitando a permanencia de Abel Caballero á fronte da actual Corporación e iso sumado á incapacidade da oposición (PP e BNG) podería favorecer unha maioría absoluta do PSOE en Vigo.

Somos Maioría naceu para favorecer a unidade de acción e a confluencia cidadá nunha candidatura de unidade popular. Tendo en conta que devandita confluencia non se acadou manifestamos a nosa decisión de non participar na vindeira confrontación electoral en Vigo. Porén facemos un chamamento á cidadanía viguesa para que non apoien a aqueles partidos responsábeis da corrupción, o enchufismo, o nepotismo, a mala xestión e a situación de desemprego, baixos ingresos, pobreza, privacións de todo tipo e exclusión social que padecen moitos vigueses e viguesas.

PRENSA SOMOS MAIORÍA