“Soñar co futuro, loitando”

Publicado por o día 10/03/2014 na sección de Vigo

“Soñar co futuro, loitando”

sonar-co-futuro

 A Xuventude Comunista presenta a súa campaña para o 10 de marzo, día da Clase Obreira Galega, para animar á mocidade a loitar por un emprego digno.

No día da clase obreira galega, a Xuventude Comunista presenta a súa nova campaña baixo o lema “Soñar co futuro: loitando”, co que pretende mostrar a situación precaria da escasa mocidade con emprego na Galiza e animala a reclamar un futuro digno.

Nun contexto de máis dun 50% de paro xuvenil, os empregos de carácter temporal, mal pagados (ou incluso sen contrato) e moi por debaixo do nivel de formación son as principais carácterísticas da maior parte dos traballos que a xuventude galega atopa.

“Non temos que contentarnos só con ter traballo, queremos un traballo digno; loitamos por un traballo digno”. Así argumentan a necesidade desta campaña, que durará ata o Día internacional da Clase Traballadora, o 1 de maio, para darlle “o carácter internacional que ten a clase obreira”.

A campaña, formada por un vídeo e un cartel, pero que a organización comunista adianta que terá unha guinda final, mostra a diferentes mozos e mozas no seu emprego, mencionando o aspecto precario que a cada un deles lles toca sufrir.

A presentación coincide co día da Clase Obreira Galega, no que se conmemora o asasinato dos sindicalistas do naval de Comisións Obreiras, Amador Rei e Daniel Niebla en 1972, porque, como din no comunicado “este día é moito máis que un día para a lembranza e o orgullo, é un día para a acción, un día para darnos folgos folgos para a loita, para a resistencia, un día para termos moi en conta que só loitando podemos vencer.” escriben no comunicado da súa web.

PRENSA XUVENTUDE COMUNISTA