«Sonoro empeño», a renovación do concepto de exposición da man de ABANCA e Afundación

O proxecto multidisciplinar «Sonoro empeño. A música nas coleccións ABANCA e Afundación» combina exposición e actividades para ilustrar a relación entre a música e as artes plásticas
Publicado por o día 10/10/2019 na sección de Eventos,Galicia,Vigo

«Sonoro empeño», a renovación do concepto de exposición da man de ABANCA e Afundación

ABANCA e Afundación presentaron esta mañá en Vigo o proxecto expositivo «Sonoro empeño. A música nas coleccións ABANCA e Afundación», unha mostra sobre a relación entre música e artes plásticas, conformada por unha selección de obras entre as que figuran nomes como Picasso ou Kandinsky. Paralelamente á mostra desenvolverase un amplo programa de actividades que se estenderá ata o mes de xaneiro, co propósito de transgredir o concepto tradicional de exposición e crear un proxecto multidisciplinar que combine o lúdico, o didáctico, o interactivo e as novas tecnoloxías. Os obxectivos fundamentais de ABANCA e Afundación son dous: estender a programación máis aló da propia exposición, amosando na práctica o diálogo permanente entre as distintas disciplinas artísticas, e desenvolver a actividade cultural en espazos diferentes á habitual sala de exposicións.

O acto de presentación desta mañá na Sede Afundación de Vigo contou coa presenza do asesor do proxecto, Diego Rodríguez Paz; a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela; e a coordinadora da Área Educativa de Afundación, Carmen Pérez, quen esta tarde, ás 19.00 h, ofrecerá a visita guiada inaugural.

A mostra poderase visitar ata o vindeiro 4 de xaneiro na Sede Afundación de Vigo, de luns a venres en horario de 17.30 a 20.30 h e os sábados, de 11.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h e contará con servizo de audioguía. Así mesmo, poderase visitar de forma virtual, cunha perspectiva 360º.

A EXPOSICIÓN

A través de 51 pezas asinadas por artistas como Wassily Kandinsky, Pablo Picasso, José Manuel Broto, Óscar Domínguez, Rafael Úbeda, Urbano Lugrís, Luis Seoane, Menchu Lamas, Xaime Quessada, Elena Gago ou Susana Solano entre outros, este proxecto expositivo ilustra a relación e os puntos en común que comparten a música e as artes plásticas. Mediante obras pertencentes ás Coleccións de Arte de ABANCA e Afundación, asume o ambicioso reto de amosar este vínculo, un tema recorrente ao longo da Historia da Arte que foi obxecto de numerosas teorizacións e reflexións e deu pé a novas formas creativas.

As pezas no seu conxunto abordan este diálogo desde diferentes perspectivas, en forma de reflexións que acompañan o visitante ao longo de todo o percorrido. A primeira delas é sobre a iconografía musical, é dicir, a representación visual de escenas ou instrumentos musicais. As pezas expostas ilustran tres temas de encadre básico: o músico en solitario, o instrumento musical como obxecto dunha natureza morta e a súa representación illada como único protagonista da obra.

A sinestesia, a hibridación sensorial ou a utopía de formular unha pintura auditiva ou unha música visual son os temas que protagonizan outros diálogos da exposición, xunto coa representación pictórica de festas e danzas, presente desde as máis temperás manifestacións artísticas. A aparente contradición que supón representar o movemento nun soporte plástico é precisamente o que explica a súa intencionalidade, ao permitir introducir nunha arte espacial os conceptos de dinamismo, ritmo e mesmo sonoridade propios dunha arte temporal.

Finalmente, ao longo do percorrido poden contemplarse obras que abordan a música vinculándoa coa infancia, e polo tanto, ligándoa con ideas de inocencia, espontaneidade e candidez, instrumentos de timbre doce, como o violín, o laúde, a frauta ou a voz humana, e escenas de carácter livián.

A PROGRAMACIÓN DE ACTIVIDADES

Disciplinas como o cinema ou a música nos seus diferentes xéneros fúndense na programación de actividades do proxecto multidisciplinar «Sonoro empeño. A música nas Coleccións ABANCA e Afundación» para ilustrar o diálogo permanente entre as diferentes artes. As propostas abranguen, entre outros, concertos, obradoiros para nenos e nenas, un ciclo de cinema ou visitas guiadas, que se realizarán todos os xoves, ás 19.00 h, a partir do 24 de outubro.

A música, de diferentes xéneros e estilos, ocupará un lugar protagonista da programación, con agrupacións como o quinteto de metal Hércules Brass, o coro de música góspel Red Vox Gospel Choir, dirixido por Juan Villaverde, ou o programa de intervencións musicais protagonizado por Carlos Quintá e a aula de acordeón diatónico da E – Trad.

Desde o 16 de outubro ata o 20 de novembro terá lugar o ciclo de cinema sobre arte e música «Sonoro Empeño» cun cartel conformado polas películas Mr. Turner, de Mike Leigh (2014); Loving Vincent, de Dorota Kobiela e Hugh Welchman (2017); La dama de oro, de Simon Curtis (2015); Big eyes, de Tim Burton (2014); e El profesor de violín, de Sérgio Machado (2015).

Para os máis pequenos preparouse a programación «Sonoro miúdo». Inclúe os obradoiros infantís de instrumentos musicais reciclados «Os fíos prodixiosos da música», «Bater con sentido tamén é música», «O vento que asubía» e «Pentagramas máxicos», dirixidos a rapaces e rapazas de 4 a 9 anos. E para os nenos e nenas de entre 0 e 6 anos e familiares programouse o taller musical «Moraima» de Percubebé.

Ademais, a Área Educativa de Afundación deseñou unha serie de didácticas adaptadas aos diferentes tramos de idade para que os escolares da cidade e comarca para que gocen e aprendan coa música, as artes plásticas e os grandes autores do panorama artístico. Así, os escolares de infantil a 3.º de primaria poderán participar na didáctica As catro estacións da arte e a música; desde 4.º de primaria a 2.º de ESO en Das audicións ás sensacións; e os de 3.º e 4.º de ESO, bacharelato e ciclos formativos, en Sonoro empeño.

Comentar noticia

Your email address will not be published.